Noticias da Mesa

A Mesa denuncia que a Deputación da Coruña exclúe o galego na súa campaña de sensibilización sobre o aforro de auga


A asociación en defensa da lingua presentou unha queixa ante a institución que preside Diego Calvo polo incumprimento da Lei de Administración local de Galiza

A Mesa: “Efectivamente Cada gota conta, e gota a gota o PP pretende eliminar o galego da Deputación da Coruña”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2013. A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou esta mañá unha nova exclusión do galego nas campañas da Deputación da Coruña, neste caso na campaña de sensibilización de aforro de auga ligada ao proxecto “Mandeo”.

 

A Mesa dirixiuse á institución presidida por Diego Calvo para presentar unha queixa formal e instala a realizar as súas comunicacións coa cidadanía na lingua propia do país, tal como indica a lexislación.  

 

O proxecto Mandeo da Deputación a Coruña conta ademais coa colaboración dos concellos de Aranga, Bergondo, Betanzos, Cesuras-Oza dos Ríos, Coirós, Curtis, Irixoa, Paderne e Sobrado.

 

Segunda as queixas recibidas pola Mesa a través da Liña do Galego, a Deputación da Coruña está a desenvolver nestes concellos unha camapaña de sensibilización na que se exclúe totalmente o galego, co reparto de autocolantes e folletos informativos como “Cada gota cuenta. Consejos de ahorro de agua en el hogar”, “Buenas prácticas para reducir los vertidos domésticos al sistema de saneamiento” ou “Saneamiento autónomo en las viviendas rurales”.

 

Esta exclusión é contraria á lexislación aplicábel, por incumprir o artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía, o artigo 6.3 da Lei de normalización lingüística, e sobre todo a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, que no seu artigo 7 promulga que “o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración Local”, e continúa indicando que “todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactáranse en lingua galega”.

 

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística criticaron así mesmo que no sitio web deste proxcecto da Deputación non se realice unha oferta positiva da información desde o galego, coa posibilidade de acceder a outras linguas a través dos menús, como se desprende da lexislación e recolle o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

 

 

A asociación en defensa da lingua denunciou que non é a primeira campaña na que a Deputación decide incumprir a lexislación para excluír o uso do galego (hai poucos días denunciaron un caso similar: http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/536), e salientou que desde que Diego Calvo e o PP tomaron o control da institución son evidentes os pasos atrás, xa non na súa obriga de impulsar a normalización lingüística, senón no máis elemental respecto á lexislación vixente. Tomando o lema desta campaña desde A Mesa lembran que “Efectivamente Cada gota conta, e gota a gota o PP pretende eliminar o galego da Deputación da Coruña”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis