Noticias da Mesa

A Mesa denuncia que o xulgado do penal núm. 2 de Lugo incumpre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias ao negarse a notificarlle a un cidadán unha sentenza en galego

A entidade dirixirase ao Consello Xeral do Poder Xudicial, para que advirta ao xuiz que está obrigada a cumprir os compromisos adoptados polo Estado en relación aos dereitos lingüísticos do cidadán afectado

Compostela, 7 de novembro de 2018.- A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a negación do xulgado do penal núm. 2 de Lugo a notificar unha sentenza en galego incumpre a Carta europea das linguas. A persoa afectada solicitou en dúas ocasións recibir en galego unha sentenza relacionada coa denuncia a un piquete informativo na folga xeral de 2010, ao que a xuíza responde que “non há lugar”, apoiándose no artigo 231 da Lei orgánica do poder xudicial e ignorando o artigo 9 da Carta europes das linguas, que como tratado internacional ratificado polo Estado español ten un rango superior á LOPX.

A entidade dirixirase ao Consello Xeral do Poder Xudicial, para que advirta ao xuiz que está obrigado a cumprir os compromisos adoptados polo Estado en relación aos dereitos lingüísticos do cidadán afectado. A Mesa xa se ten pronunciado en diferentes ocasións a respecto deste artigo da LOPX, que se sitúa claramente fóra da Carta europea das linguas, promovida polo Consello de Europa e ratificada polo Estado en 2001. A última foi en Dublín, a pasado fin de semana, onde se entregou ao xefe do Secretariado da Carta un relatorio sobre o incumprimento da Carta en Galiza.

A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo Estatuto en ámbitos como educación, xustiza, administración, relación sociais e económicas, cultura ou relacións transfronteirizas. No seu artigo 9, a Carta estabelece (a. en procesos penais) i. facilitar que os órganos xurisdicionais, a petición dunha das partes, desenvolvan os procedementos nas linguas rexionais ou minoritarias; e/ou iv. producir, previa solicitude, os documentos relacionados cos procedementos legais nas linguas rexionais ou minoritarias pertinentes, se fose necesario, recorrendo ao uso de intérpretes e traducións que non supuxesen gastos adicionais para as persoas en cuestión.

Tal e como se advertiu a pasada semana na presentación do informe da Mesa perante os medios galegos, os expertos europeos teñen alertado en varias ocasións sobre as graves deficiencias na aplicación da Carta, tamén en relación á xustiza. Continúa sen haber garantías para o desenvolvemento da xustiza en galego: a xuíces, xuízas e fiscais non se lles require o coñecemento da lingua e a inexsitencia de galego nos programas informáticos sobrecarga e provoca atrasos ao funcionariado e á cidadanía que opta polo galego.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis