Noticias da Mesa

A Mesa denuncia un novo caso de discriminación lingüística no SERGAS

Un paciente do SERGAS é obrigado a retrasar unhas probas de preoperatorio por solicitar a documentación en galego.

Susana Méndez, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, “non é o primeiro caso, queremos que sexa o último; xa está ben de discriminacións lingüísticas no SERGAS”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2013.- A Mesa pola Normalización lingüística vén de facer público un novo caso de discriminación lingüística no SERGAS, no que un paciente foi obrigado a retrasar a súa operación por escoller utilizar o galego.

 

O paciente foi derivado desde o SERGAS ao Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra, onde tiña que facer unha probas médicas para un preoperatorio o día 5 de febreiro de 2013. No hospital solicitáronlle que asinase unha serie de documentos, mais cando o paciente os pediu en galego, dereito que lle recoñece a lexislación vixente, desde o hospital dixéronlle que non tiñan documentación en galego. Nese momento o propio paciente informounos de que a SXPL tiña un servizo de asesoramento lingüístico e un acordo co SERGAS polo que se comprometía a traducir este tipo de documentación nun máximo de 30 minutos. Porén, tras realizar unhas consultas, a empregada  do Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra indicoulle que se non asinaba os documentos en español tería que marchar e agardar na súa casa a que enviasen a documentación á administración da Xunta e esta lla devolvese traducida, co conseguinte retraso nas súas probas e operacións. O paciente non aceptou renunciar aos seus dereitos lingüísticos e finalmente foi iso o que aconteceu, tras cubrir a pertinente folla de reclamacións.

 

Tras presentar unha outra reclamación ante o SERGAS, da que a día de hoxe tampouco obtivo resposta, contactou coa Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística para denunciar este grave caso de discriminación por razón de lingua.

 

Cómpre lembrar que foi a raíz dun caso anterior no Hospital Nuestra Señora de Fátima, en Vigo, cando desde a Xerencia do SERGAS se emitiu unha nota informativa a todo o persoal onde se puña a disposición de quen o precisase o servizo de tradución da Secretaría Xeral de Política Lingüística e se indicaba que esta emitiría a tradución do documento que fose en non máis de media hora. Porén este novo caso deixa en evidencia a pouca efectividade da medida, e que das declaracións de boas intencións á concreción na realidade dos feitos hai un treito ben grande que a Xunta que preside Núñez Feijóo nunca está disposta a percorrer.

 

Desde A Mesa denuncian estes feitos como un inadmisíbel intento de coaccionar os cidadáns para que non poidan exercer os seus dereitos lingüísticos legalmente recoñecidos, xogando cun tema tan sensíbel e fundamental como a saúde das persoas. “Se non saen máis casos á luz non é porque na maioría dos hospitais se respecten os dereitos lingüísticos dos pacientes –sinalan desde a maior asociación cultural de Galiza- senón porque esta é unha chantaxe terribelmente efectiva”.

 

Que 30 anos despois da aprobación da Lei de Normalización Lingüística un paciente vexa retrasada unha operación por pretender exercer os dereitos que legalmente ten recoñecidos é un grave caso de discriminación por razón de lingua ante o que a Xunta de Galiza non pode ficar impasíbel, xa que o artigo 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño de normalización lingüística, estipula que “os poderes públicos de Galiza adoptarán medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razóns de lingua”.

 

Por esta razón A Mesa pola Normalización Lingüística puxo o caso en coñecemento da Conselleira de Sanidade e mais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, sen obter polo momento resposta ningunha, e tamén o trasladou aos diferentes grupos parlamentarios da oposición con representación no Hórreo. Neste sentido, o grupo parlamentario do BNG respondeu comprometéndose a presentar diversas iniciativas para que se dean as oportunas explicacións no Parlamento.

 

 

 

Susana Méndez, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, salientou que “as discriminacións lingüísticas son frecuentes nos hospitais galegos, e desde A Mesa hai anos que as vimos denunciando. Casos semellantes como os do Hospital Nuestra Señora de Fátima de Vigo ou do Complexo Hospitalario das Illas Cíes foron tamén obxecto de debate parlamentario na pasada lexislatura, polo que estas discriminacións non son novas nin descoñecidas para o SERGAS nin para a Secretaría Xeral de Política Lingüística, e se continúan a se producir é porque desde a Xunta non se fai nada por solucionalo. Haberá que lembrarlle, unha vez máis, á Consellaría de Sanidade que ten que garantir que o persoal teña coñecementos suficientes de galego e que toda a documentación debe estar, cando menos, nesa lingua? Parece que si, que temos que lembralo unha e outra vez. Este non é o primeiro caso, pero queremos que sexa o último; xa está ben de discriminacións lingüísticas no SERGAS”.  

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis