Noticias da Mesa

A Mesa denunciará os incumprimentos da Carta Europea das Linguas ante o Consello de Europa

A Mesa manterá esta segunda feira (6 de outubro) unha entrevista co Comité de expertos do Consello de Europa para a avaliación da Carta europea das linguas onde trasladará os incumprimentos reiterados en ámbitos como o ensino, a xustiza, a administración, as relacións económicas ou servizos culturais

Marcos Maceira: “É importante pór en evidencia que o Estado español e a Xunta de Galiza incumpren sistematicamente os tratados internacionais en materia lingüística”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2014.- Unha delegación da Mesa composta polo seu presidente, Marcos Maceira, e o responsábel da Liña do Galego, Paulo Filgueiras,  manterá unha reunión a vindeira segunda feira, 6 de outubro, en Santiago de Compostela co Comité de Expertos do Consello de Europa para a avaliación do cumprimento por parte do Estado Español da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, ratificada no BOE en 2001.

 

A visita do Comité de expertos enmárcanse nos traballos do cuarto período de avaliación ao que se somete o Estado en relación co cumprimento dos compromisos asinados na Carta, que examina os anos de 2010 a 2013. Nesta visita os avaliadores desprázanse aos diferentes territorios lingüísticos para contrastar de primeira man a información fornecida polo Estado. Tras estes traballos o Comité realizará un informe  que trasladará para a súa aprobación polo Consello de Ministros do Consello de Europa, avaliando o nivel de cumprimento e apuntando os aspectos que os Estados deben corrixir. En anteriores informes o Comité de expertos alertou sobre os incumprimentos da Carta Europea en relación ao galego en diferentes ámbitos, nomeadamente no do ensino onde sinalaba “que debe ofertarse unha educación predominantemente en galego ”, no ámbito da xustiza ou no da administración pública.

 

A Mesa exporá ao Comité os incumprimentos continuados da Carta por parte do Estado e da Xunta, así como o caso omiso feito por estes gobernos ás indicacións realizadas nos anteriores informes. Con este cometido, A Mesa está a elaborar un informe, que fará público tras llo presentar ao Comité de expertos, no que analiza os principais incumprimentos deste tratado internacional no que se refire á lingua galega e as medidas que empeoraron o nivel de cumprimento da Carta con respecto ao anterior período de avaliación.

 

Para o Presidente da Mesa “é importante pór en evidencia que o Estado Español e a Xunta de Galiza incumpren sistematicamente tratados internacionais como a Carta Europea en materia lingüística, e fan ouvidos xordos ás indicación que tras cada período de avaliación lle fai o Consello de Ministros do Consello de Europa para solventar os ditos incumprimentos”. Segundo sinalou Marcos Maceira, “o desprezo do Estado e da Xunta polas linguas diferentes da española, en particular á galega, está nos máis altos niveis da historia autonómica, malia estaren comprometidos por tratados europeos como a Carta Europea das Linguas, que xuridicamente forma parte do corpo constitucional do Estado”.

A Mesa aproveitará a reunión co Comité de expertos para lles expresar o seu malestar e preocupación pola ausencia nestas reunións con organizacións para avaliar o cumprimento da Carta de outras entidades sociais cun importante traballo a favor da lingua galega en determinados sectores, que participaron en edicións anteriores e que desta volta non foron convocados, e cuxo traballo e experiencia podería contribuír a dar unha visión máis ampla e diversa da situación da lingua.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis