A Mesa denunciou os incumprimentos da Carta Europea das Linguas ante o Consello de Europa


A Mesa mantivo onte unha entrevista co Comité de expertos do Consello de Europa para a avaliación da Carta europea das linguas onde trasladará os incumprimentos reiterados en ámbitos como o ensino, a xustiza, a administración, as relacións económicas ou servizos culturais

A Mesa elaborou un relatorio no que se analizan os principais incumprimentos da Carta en Galiza. Este relatorio, entregado onte ao Comité de expertos, pódese descargar desde http://www.amesanl.org/gl/mediateca/dir/mediateca/Relatorio+Carta+Europea+das+Linguas

Marcos Maceira “é importante coñecer que existen tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas que amparan os nosos dereitos lingüísticos e tamén o é denunciarmos que o Estado e a Xunta os están a incumprir coa súa política galegófoba”

Santiago de Compostela, 7 de Outubro de 2014. A Mesa pola Normalización Lingüística ofreceu esta mañá unha rolda de imprensa para dar conta da reunión mantida na xornada de onte co Comité de Expertos do Consello de Europa para a avaliación do cumprimento por parte do Estado Español da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, ratificado polo Estado en 2001.

 

A reunión de onte enmarcouse nos traballos que o Comité de Expertos está a desenvolver para elaborar o seu cuarto informe con respecto a España, que forma parte do mecanismo de control que a propia Carta prevé para avaliar como se está a aplicar nos diferentes Estados. Así, o comité reuniouse con diferentes entidades galegas para contrastar a información fornecida polo Estado.

 

A Mesa pola Normalización Lingüística criticou a parcialidade e falta de rigor e veracidade da información presentado polo Estado no seu Cuarto informe sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas, e trasladou ao Comité de Expertos o malestar existente por non teren sido convocadas ao encontro algunhas entidades destacadas polo traballo a favor da lingua en diferentes sectores, que poderían contribuír a dar unha visión máis ampla, diversa e contrastada.

 

A Mesa entregou a este Comité de Expertos un relatorio (que se pode descargar desde http://www.amesanl.org/gl/mediateca/dir/mediateca/Relatorio+Carta+Europea+das+Linguasl) no que analizan os artigos da Carta que se incumpriron neste período de avaliación, salientando que o seu nivel de cumprimento é mesmo inferior ao dos anteriores períodos de avaliación.

 

Entre os incumprimentos que a Mesa denunciou ante os expertos do Consello de Europa salientan as limitacións para o ensino en galego que introduciu a Xunta co decretazo contra o idoma e o Estado coa LOMCE, non dispoñibilizar material pedagóxico en galego para as materias quese deberían impartir neste idioma, como Formación Profesional ou moito do programa Abalar. En canto á formación de adultos, denunciou a precarización da oferta de cursos de galego e a situación que está a atravesa o profesorado CELGA que despedido ilegalmente (tal como sinalan xa máis de dez sentenzas). No ámbito da xustiza a lexislación española continúa a non garantir os dereitos recoñecidos pola Carta, e a propia administración dificulta o uso do galego a aqueles xuíces e xuízas que o empregan, non dispoñobilizando lexislación consolidada en galego ou implantando o sistema informático Minerva, que dificulta o traballo nesta lingua até facelo imposíbel. No ámbito da administración, denunciouse a modificación na Lei da Función Pública para ningunha das probas de acceso fosen na nosa lingua, os problemas de atención á cidadanía en galego nas Administración Local derivados da privatización de servizos, as dificuldades para dirixirse en galego á Administración do Estado, etc. Entre outros aspectos recollidos neste relatorio, tamén destacan a falta de acción pública de fomento de galego nos medios de comunicación; a imposibilidade de acceso ao audiovisual galego ou traducido ao galego nas canles comerciais; ou as dificuldades para ter a opción de utilizar o galego nas documentación, información ou relacións comerciais e bancarias, ou a desprotección dos consumidores e usuarios para facer valer os seus dereitos lingüísticos ante as empresas.

 

Xa en anteriores informes o Comité de Expertos alertara sobre os incumprimentos da Carta Europea en relación ao galego en diferentes ámbitos nomeadamente no do ensino onde sinalaba “que debe ofertarse unha educación predominantemente en galego ” ou no ámbito da xustiza e a administración pública. Neste sentido, A Mesa lembrou que nin as recomendacións do Comité de Expertos nin as indicacións do propio Consello de Europa ao finalizar o anterior período de avaliación foron aplicadas polo Estado, ao contrario, en moitos casos actuouse en contra do que estes sinalaban.

 

Para o Presidente da Mesa “é importante coñecer que existen tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas que amparan os nosos dereitos lingüísticos e tamén o é denunciarmos que o Estado e a Xunta os están a incumprir coa súa política galegófoba”. Neste senso, Marcos Maceira sinalou que “o desprezo do Estado e da Xunta polas linguas diferentes da española, en particular á galega, está nos máis altos niveis da historia autonómica, malia estaren comprometidos por tratados europeos como a Carta Europea das Linguas”.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra