A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa diríxese a TVE e Telecinco para que “usen a toponimia galega oficial” e critica “o desinterese por Galiza e a falta de rigor dos informativos que obran dese xeito”

Carlos Callón: “Doe nos ollos que se cheguen a chamar Ría de Barosa (sic) a Ría de Arousa ou que se resuciten do franquismo híbridos como Ginzo de Limia e El Ferrol”

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2014.-A Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse á televisión pública estatal, TVE, e tamén á privada Telecinco despois de que nas últimas semanas “houbese nos informativos de ambas todo un revival de toponimia galega deturpada”. A maior asociación cultural de Galiza lembra que “desde hai 31 anos, os nosos nomes de lugar teñen como única forma oficial a xenuína: a galega” e que “neste tempo houbo numerosas reclamacións para que se respectasen as formas propias da nosa toponimia”, polo que non cabe “alegar ignorancia ou inxenuidade a este respecto”.

 

O presidente da Mesa, Carlos Callón, non dubida en considerar “unha clara decisión política en TVE” por parte do PP non respectar a toponimia ofcial, posibilitando falaren dun “Ginzo de Limia”, dunha “Ría de Barosa” ou “Ría de Arosa”, “El Ferrol” etc. “Esta deturpación vai acompañada dun desprezo olímpico pola realidade galega no seu conxunto”, sinala.

 

O desleixo da televisión pública non se limita aos informativos, e paradoxalmente mesmo nun concurso cultural como “Saber y ganar” tamén teñen dificultades para asumir que en Galiza existe unha lingua propia que se evidencia nos seus nomes de lugar. Así, este verán pasado pedían nunha das súas probas que se ordenasen unhas letras para formar “Villagarcía de Arosa”, segundo eles localidade da provincia de Pontevedra, algo que foi denunciado perante a Defendora del espectador, oyente e internauta de RTVE tamén por varios televidentes. Hai que recordar, así mesmo, que a cuestión da toponimia galega en TVE chegou en moitas ocasións nestas tres décadas a ser tratada mesmo no Congreso dos Deputados.

 

Por outra banda, tamén a privada Telecinco se caracteriza por desprezar sistematicamente a toponimia galega. Así, nos informativos dirixidos por Pedro Piqueras son constantes as desconexións a “La Coruña”, e nas últimas semanas tamén a “La Guardia” e mesmo “El Cebrero”, a pesar de que en Galiza hai un sentir social que reclama que se respecten os nosos nomes de lugar, tal e como estipula ademais a lexislación, tanto autonómica como estatal.

 

A Mesa salientou que este paso atrás para a nosa toponimia, alén de amosar un desprezo e falta de rigor impropios duns informativos serios, non pode ser casual. Denuncian por iso que “sen dúbidas responde a motivacións ideolóxicas, en liña coa involución no respecto á diversidade lingüística e cultural do Estado que se está a impor nos últimos anos desde o poder”. Para iso, sinalan desde a maior asociación cultural de Galiza, “hai quen non ten o máis mínimo reparo en subverter a lexislación e os consensos democráticos acadados entre todas e todos”.

 

Pasividade da Xunta

 

Desde a asociación en defensa da lingua critican así mesmo a “pasividade vergoñenta da Xunta e da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística”, que “incumpren tamén a súa obriga legal de protexer o noso patromonio toponímico e, en definitiva, de traballar polo respecto que nos debemos como sociedade, algo que tamén se pon de manifesto en situacións coma estas en que se negan a chamarnos polos nosos propios nomes”, conclúe Callón.

 

 

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra