A Mesa diríxese aos concellos para que insten á Xunta a cumprir coas recomendacións do Consello de Europa sobre o galego

Dirixirase tamén ás entidades sociais e entregará os apoios en Estrasburgo

Pide a elaboración dun novo decreto sobre o galego no ensino e a derrogación dos artigos que segundo o Consello de Europa contradín a a Carta

Marcos Maceira: “O 2016, ano das Irmandades da fala e de Manuel María, ten que ser tamén o ano do cumprimento efectivo dos acordos nacionais e internacionais sobre a lingua”

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2016-. A Mesa pola Normalización Lingüística dirixirase a todos os concellos de Galiza para que aproben mocións instando á Xunta a cumprir coa Carta Europa Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas en todos os ámbitos da súa competencia e que exixa ao goberno central a aplicación efectiva da Carta.

Por segunda vez desde a chegada de Núñez Feixó á presidencia da Xunta, o Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, instou con toda a forza ao Goberno da Xunta e do Estado a disporen os medios para garantir o cumprimento da Carta en todos os aspectos e, dun xeito especial no ámbito do ensino, sinalando que os obxectivos do mal chamado Decreto de Plurilingüísmo entran en contradición e incumpren o contemplado na Carta.

A Carta Europea das Lingua Rexionais e Minorizadas é un tratado internacional, que o Estado Español ratificou en 2001 escollendo o máximo nivel de garantías e comprometéndose a cumprilo. “A comunidade internacional non entende como se pode asinar un tratado e despois incumprilo impunemente e gabarse de o facer”, sinalou o presidente da Mesa, para engadir que tanto o informe dos expertos como a recomendacións do Consello de Ministros evidencian con claridade que “o decreto contra o galego non ten ningún apoio nin dentro nin fóra de Galiza e está morto, por iso é imprescindíbel pórse a traballar nun novo, e derrogar os artigos do actual que contraveñen a lexislación internacional”.

A moción que a Mesa remitirá aos concellos para a súa aprobación nos plenos insta á Xunta a:

 

– Cumprir con todas as recomendacións do Consello de Ministros e do Comité de Expertos do Consello de Europa nos ámbitos da educación, xustiza, administración e servizos públicos, medios de comunicación, actividade e servizos culturais, vida económica e social e intercambios transfronteirizos e exixir do Estado Español a aplicación real dos seus compromisos en relación coa Carta, tal e como indica o Consello de Ministros.

–  Tomar as medidas necesarias para eliminar as limitacións ao ensino en galego que sinalan os expertos no parágrafo 640[1] do informe.

– Elaborar de maneira ampla e consensuada, un novo decreto para o uso do galego no ensino, que atenda aos principios de normalización lingüística, e acorde co sinalado na Carta Europea.

– Proceda, mentres se elabora o novo, a derrogar os artigos doa actual que poñen limites ao uso do galego.

Tal como indicou o presidente da entidade en defensa da lingua galega, “grande parte dos incumprimentos da Carta que a Mesa presentou no Relatorio que lle foi entregado ao Comité de expertos foron incluídos no informe. Con todo, Maceira mostrou a vergoña que senten na entidade en defensa do galego ao constatar que o goberno da Xunta é o máis agresivo do Estado en relación á súa lingua propia a pesar de que a sociedade galega mostrou sempre que quere a súa lingua e que está  disposta a actuar para garantir os seus dereitos lingüísiticos, “por iso a Mesa se dirixe aos Concellos, e por iso entregaremos na sede do Consello de Europa en Estrasburgo as mocións que aproben”.

 

 

O texto completo do informe pódese consultar aquí: https://wcd.coe.int/ViewDoc.jsp?Ref=CM%282015%29147&Language=lanEnglish&Ver=original&BackColorInternet=C3C3C3&BackColorIntranet=EDB021&BackColorLogged=F5D383

[1] 640-. O Comité de expertos enfatiza que o Decreto 79/2010 limita o ensino en galego a un máximo do 50% co obsxtivo final de reducilo a un terzo. Isto está claramente en contradición coas garantías escollidas polas autoridades na Carta que require a educación predominate en galego.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra