A Mesa e a AS-PG publican Pondaliana, un libro disco ilustrado por Leandro Lamas con poemas musicados de Eduardo Pondal

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) veñen de tirar do prelo Pondaliana, un libro disco que contén quince poemas musicados dun dos grandes escritores da literatura galega, Eduardo Pondal. O cedé, ilustrado por Leandro Lamas, é froito da colaboración de máis dunha ducia de músicos coordinados polo profesor Francisco Rodríguez e pola Sociedade Cultural Medulio, impulsora do proxecto. Está á venda na tenda da web da Mesa pola Normalización Lingüística, alén de en librarías, a un prezo de 12 euros, 9’60 euros para socias e socios.

O proxecto Pondaliana ideouse hai xa catro anos ao abeiro da Sociedade Cultural Medulio para conmemorar o centenario do pasamento dun dos grandes clásicos da literatura galega do XIX, Eduardo Pondal. Daquela, a entidade ferrolá artellara un espectáculo audiovisual que foi presentado en xuño de 2017 no Teatro Jofre da cidade naval. O presidente da AS-PG, Xoán Costa, lembra que “musicar poemas dos grandes poetas é frecuente noutras literaturas e países” e engade que “o disco ofrece unha visión distinta da que acotío se ten de Pondal, cunha ampla variedade de ritmos e estilos que demostra que a poesía dos nosos clásicos está perfectamente inserida na modernidade musical”.

Francisco Rodríguez, promotor da iniciativa, asegura que o disco “rompe clixés e estereotipos sobre o poeta, sobre a poesía galega do XIX, e leva a gozar con algo que moita xente pensaba superado e outra mira cos ollos da reticencia e mesmo de desdén”. “É unha síntese ilustrativa do mundo pondaliano”, asegura, “que, malia as súas contradicións, non é esa caricatura que se quere facer del como racista, machista ou pederasta. Xa se sabe o éxito que teñen entre nós as descualificacións á lixeira sobre valores da cultura nacional, emitidas con máis atrevida ignorancia e mala intención que con rigor e coñecemento de causa”.

Por todo iso, para o profesor ferrolán “un dos maiores acertos e que rechamarán a quen escoite o cedé é que vai atopar co ramiño musical máis variado que seguramente escoitou nunca na música galega”. E engade que “todo o traballo foi feito desinteresadamente, por convicción e por persoas que deben partillar as profesións das que comen, con esta dedicación a espallar o valor da nosa poesía clásica, neste caso o de Eduardo Pondal, que ben o necesita”.

Un proceso desinteresado… e participativo

Músicos como Xoán Padín, Alberte López, Lidia Piñeiro, Roberto Vázquez, Alberte Maceiras, Andrés Pazos ou Alberte Núñez foron seleccionando os poemas e propoñendo melodías e ideas musicais para cada un deles.

Andrés Pazos, un dos protagonistas do traballo, asegura nunha ampla peza publicada ao respecto por Sermos Galiza que o proceso creativo do disco “foi moi ecléctico, xa que recolle as visións musicais de varias persoas. A miña achega foi a de pórlle música ás melodías ideadas e cantadas por Francisco Rodríguez, con quen mantiven un contacto permanente ao longo de todo o proceso”. O profesor de piano do Conservatorio Xan Viaño de Ferrol sinala que “intentamos facer unha escolma de pezas diferentes e con elas construír unha historia no escenario do teatro enfrontando a visión do Pondal novo coa visión do Pondal vello”. A complexidade de dotar de melodía e instrumentación os poemas de Pondal vén dada pola complexidade da súa propia poesía. Segundo Pazos, “cando os poemas son simétricos, é mais doado poñerlles música que cando son irregulares. Tamén depende un pouco da instrumentación que leve cada un. Con todo, penso que as ideas preconcibidas hainas que deixar no punto de reciclaxe, non digo máis”.

Outra das participantes activas do proxecto é a vocalista Lidia Piñeiro. Para ela, un dos aspectos máis interesantes do proceso creativo foi “ver a transformación que foron experimentando os temas; os comezos sempre son difíciles, mais logo semella que as pezas do crebacabezas musical van encaixando até chegar á composición final. Foi un proceso longo, coas súas altas e baixas. Persoalmente, moi enriquecedor. Aprender das súas verbas, o traballo cos músicos, o directo, a gravación do disco… Que lindo poder encherte de cultura e arte!”. Resalta ademais Piñeiro a importancia deste traballo no sentido de que “a música chega dun xeito moi directo ao corazón da xente e darlle vida aos poemas a través da música axuda a facelos máis presentes nas nosas vidas”.

Ligazón á tenda: Pondaliana

Aquí podes escoitar un tema, “Fillo cativo da gandra”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra