A Mesa e a CIG inician unha campaña para reivindicar o dereito a sermos atendidos/as en galego nos centros de chamadas

Sosteñen que a medida permitiría a creación de 2000 empregos en Galiza e remataría coa discriminación do idioma nesta materia

Vigo/23-04-2015

A Mesa pola Normalización Linguística e  federación de Banca da CIG, anunciaron a posta en marcha dunha campaña nacional para reivindicar o dereito a sermos atendidos/as en galego nos centros de chamadas das empresas que operan no noso país. As organizacións sosteñen que esta medida permitiría a creación de máis de 2000 empregos en Galiza e remataría coa discriminación do idioma nesta materia, polo que chaman ao conxunto da cidadanía a sumarse á iniciativa.

O presidente da  Mesa pola Normalización Linguística, Marcos Maceira, o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, xunto á responsábel dos Centros de Chamadas da central sindical Laura Pérez Figueroa, compareceron esta mañá en rolda de prensa para presentar os principais aspectos dunha campaña coa que se pretende concienciar á sociedade galega da necesidade de esixirmos o dereito a sermos atendidos/as na lingua propia do país, non só para rematar coa discriminación existente nesta materia senón tamén porque permitiría a creación de máis de 2000 empregos.

Desde as dúas organizacións lembraron que até hai moi pouco as grandes empresas que operan en Galiza, e que teñen subcontratados os servizos de atención telefónica aos clientes, mantiñan estes centros de chamadas no país, mais na última década apostaron polo seu peche e deslocalizaron o servizo para centralizalo en grandes centros de traballo ubicados en terceiros países, nomeadamente América Latina e Marrocos, pasando no conxunto do Estado dos 14719 empregos existentes en 2008 aos 33.085 en 2012.

No caso galego esta deslocalización foi aínda máis grave debido ao uso exclusivo do castelán nas relacións comerciais, o que motivou o peche de numerosos centros de traballo que foron transladados a outras partes do Estado. Así, entre o ano 2010 e 2012 destruíronse arredor de 2040 empregos, mentres 100.000 galegos/as tiveron que emigrar pola falta de oportunidades no país. Salientaron ademais que a creación de emprego sería ademais nun sector amplamente feminizado e onde traballan moitos mozos/as, “colectivos que foron duramente golpeados pola crise económica”.

Diante disto, a CIG-Banca e A Mesa decidiron promover unha campaña  baixo o lema ‘Queremos atención en galego. Queremos traballo aquí’ na que, segundo detallaron, a acción individual terá un protagonismo especial, tanto á hora de denunciar os casos de discriminación por parte das empresas no que respecta á comunicación en galego como á de reclamar o noso dereito a sermos atendidos/as no noso idioma.

Para isto distibuirán uns cartóns postais que se poderán enviar ás compañías, instándoas a garantir o uso do galego como lingua preferente en todas as súas comunicacións e nos servizos que teñan un contacto persoal, “agás que os clientes indiquen outra preferencia”. Tamén se lles demanda que nos casos onde se oferten diferentes opcións “o galego sexa sempre unha opción real”.

Ademais, incidirase na necesidade de solicitar que a documentación, facturas e formularios estean en galego. Para isto tamén se recollerán sinaturas a través de internet e con mesas nas rúas e realizaranse reclamacións colectivas fronte ás grandes compañías de luz, auga telefonía, banca, seguros, etc.

Os comparecentes denunciaron tamén que nas ocasións nas que as empresas ofrecen a posibilidade da atención en galego “esta opción non é real porque sempre tes que agardar horas, ás veces incluso días, a ser atendido/a porque non se atopa neses momentos a persoa que sabe falar galego”. Xunto a isto, puxeron de manifesto a existencia de múltiples casos de discriminación e incluso de coaccións, “xa que cada vez resulta máis habitual escoitar cousas como ‘ou me falas español ou non te atendo’ por parte do persoal dos centros de chamada ubicados fóra do país”.

Casos coma estes tamén comezan a ser xa habituais incluso en organismos ou servizos dependentes da Administración pública como resultado das privatizacións. Como exemplo citaron o acontecido no Carballiño, onde a empresa contratada polo Concello para levar a cabo a recadación tributaria negouse a atender ás persoas que se dirixían en galego porque só conta con persoal de fóra de Galiza. “Coa compaña pretendemos precisamente que cousas coma esta deixen de acontecer, tanto porque temos dereito a sermos atendidos no noso idioma como porque é necesario poñer en valor o galego como xerador de emprego e de riqueza para o país”.

Asina aquí e axúdanos a difundir esta campaña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra