A Mesa e outras entidades de defensa das linguas do Estado difunden un vídeo para “pór o Congreso contra a discriminación lingüística”

O audiovisual, que se pode ver nas linguas propias oficiais (galego, catalán e éuscaro) e nas que aspiran a este recoñecemento (asturleonés e aragonés), resume o contido da PNL que presentaron BNG, PNV, EH Bildu, JxCat, PDCAT, ERC, CUP, Más Madrid, Compromís e Podemos no Congreso dos Deputados

Compostela, 18 de febreiro de 2021.- A Mesa pola Normalización Lingüística e outras entidades de defensa das linguas do Estado como Euskalgintzaren KONTSEILUA, CIEMEN, Iniciativa Pol asturianu, NOGARA, Plataforma per la Llengua, Òmnium, Escola Valenciana ou Acció Cultural del País Valencià difundiron esta mañá nas redes sociais un vídeo que chama a “pór o Congreso contra a discriminación lingüística”.

O audiovisual, que se pode ver nas linguas propias oficiais (galego, catalán e éuscaro) e nas que aspiran a este recoñecemento (asturleonés e aragonés), resume o contido da Proposta Non de Lei que presentaron BNG, PNV, EH Bildu, JxCat, PDCAT, ERC, CUP, Más Madrid, Compromís e Podemos no Congreso e que se debatira nunhas semanas.

Esta iniciativa partiu do manifesto Liberdade, igualdade e democracia, elaborado polas entidades sociais de defensa das linguas do conxunto do Estado froito dunha reflexión conxunta derivada da necesidade de pór enriba da mesa compromisos políticos concretos que, fronte ás ameazas, servisen para dar seguridade, garantías e pleno recoñecemento no Estado a todas as linguas proprias.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra