A Mesa entregará ás e aos concelleiros que se incorporan este sábado á administración local unha “Guía para o uso do galego”

Compostela, 13 de xuño de 2019.-  A Mesa pola Normalización Lingüística presentou esta mañá en Compostela a Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023) que entregará aos máis de 3700 concelleiros e concelleiras que se incorporan este sábado aos 313 concellos do país. Unha guía que, segundo asegurou o presidente da Mesa, Marcos Maceiras, na presentación, “propón orientacións útiles para cada concelleira ou concelleiro, nas tarefas de goberno ou oposición, sexa cal for a súa área e responsabilidade, que permitan colocar a lingua como necesidade que é en toda a súa acción”. O obxectivo da Guía, que tamén está dispoñíbel para descarga na web da Mesa (ligazón), é que os concellos asuman o compromiso de impulsar políticas activas en favor do galego e dotar con recursos a planificación lingüística do concello, con actuacións transversais en todas as áreas municipais procurando o incremento do uso e prestixio da lingua propia de Galiza.
“A actividade municipal precisa da lingua en todo e a lingua galega precisa estar en todo e para todo para existir e se desenvolver con toda a normalidade que lle debe corresponder á lingua propia de calquera país”, explicou Maceira, “por iso, entendemos a política de normalización como transversal, que debe implicar todas as áreas e todas as funcións, porque en todas elas debe estar unha lingua que ten a aspiración maioritaria de ser restituída na normalidade”.
Algunha das actuacións recollidas pola Guía son que os concellos deben garantir a posibilidade de uso do galego en cada área e que debe haber unha práctica oral e escrita que a faga visíbel e audíbel, “tal e como acontece con calquera lingua realmente oficial e como podemos ver e ouvir nos seus territorios coas linguas oficiais de calquera das outras comunidades lingüísticas do Estado”,  afirmou Maceira, “nomeadamente co castelán”. A Mesa propón, así mesmo, fixar un período de cumprimento e execución que poida ser avaliado, corrixido e mellorado, como calquera outra acción política. Trátase, recordou o presidente da Mesa, dunha “proposta de mínimos que se deben garantir e de actuación sobre os que existe un acordo amplo desde hai anos mais que por desgraza seguen sen seren concretados”.
Neste sentido, Maceira recorda que os concellos galegos teñen o dereito e o deber de impulsar o proceso de normalización da lingua galega como lembra o artigo 5 do Estatuto de autonomía. Isto implica asumir a responsabilidade que lles corresponde por seren as institucións máis achegadas á cidadanía. Porén, afirmou o presidente de defensa da lingua, “36 anos depois da aprobación da Lei de normalización lingüística, 31 da Lei do uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, 15 do PXNLG… continúa a existir unha importante desorientación sobre o que deben facer os concellos para participaren directamente na restitución, recuperación e rehabilitación da lingua propia de Galiza”. “En moitos casos”, asegurou, “limitan a normalización lingüística a unha área, reducida a un ámbito concreto, desligándoa do conxunto da actuación municipal, en ocasións o estritamente cultural, lúdico, ou protocolar”.
As medidas propostas na Guía de uso da Mesa parten dos acordos asumidos unanimemente por todas as organizacións políticas de Galiza. Concretamente, da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias ratificada polo Estado español en 2001 e da Declaración universal de dereitos lingüísticos de 1996 asumida polo Congreso dos Deputados e polo Parlamento galego nese mesmo ano. Esta declaración está desenvolvida e concretada no Protocolo de Donostia para a garantía dos dereitos lingüísticos promovido por Kontseilua e impulsado por máis dun cento de entidades sociais de toda Europa, incluída a Mesa pola Normalización Lingüística e que conta co respaldo de institucións da relevancia da UNESCO, OSCE, UNPO, ELEN… A respecto das accións en cada área, a Guía parte doutro dos grandes acordos unánimes do Parlamento galego en relación á nosa lingua: o Plano xeral de normalización da lingua galega de 2004.
Propostas

Cumprimento da lexislación vixente

  1. Todos os cargos públicos, departamentos e organismos dependentes da Administración local teñen que ter a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita.
  2. A Administración fará oferta positiva do galego na atención oral e escrita á cidadanía, tanto presencial como telefónica ou telemática.
  3. As accións formativas organizadas polo concello desenvolveranse en lingua galega.
  4. Creación dun servizo de normalización lingüística naqueles concellos onde aínda non existir.

Contratación pública

  1. As empresas subcontratadas polo concello garantirán o respecto á oficialidade do galego e aos dereitos lingüísticos das veciñas e veciños.
  2. Uso do galego nos apartados de perfil do contratante, transparencia e banca electrónica.
  3. Os bancos, empresas de concesión de servizo de augas e outros cos que traballan os concellos ofrecerán a posibilidade de uso do galego en trámites esenciais como pagamento de taxas, impostos, multas…

Concesión de axudas

  1. Para a concesión de subvencións e axudas municipais (de promoción económica, servizos sociais, culturais, xuvenís, deportivas, para festas, para actividades formativas e de calquera outro tipo) valorarase como criterio positivo que as actividades realizadas contribúan á normalización do uso do idioma e ao incremento do prestixio social da lingua galega.
  2. As publicacións, a cartelaría, a publicidade e toda produción promocional das actividades das entidades que vaian estar subvencionadas polos concellos deberán estar en lingua galega.
  3. Nas convocatorias de subvencións e axudas figurará este requisito.

A Mesa pola Normalización Lingüística ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. Tanto polas súas actividades como polo seu número de asociadas/os é a maior asociación do galego e un referente social imprescindíbel no terreo da normalización lingüística. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo. Os seus principais ámbitos de acción son o ensino, a empresa e a administración pública. Na actualidade, a Mesa leva a cabo actividades de divulgación, sensibilización e dinamización relacionadas cos seus obxectivos estatutarios. Algúns exemplos das actividades que ten en funcionamento na actualidade a asociación son A Liña do Galego ou Abertos ao Galego.

A Liña do Galego dispón dunha aplicación e dun correo electrónico para dar servizo a todas as persoas que queiran canalizar algunha reclamación, consulta ou felicitación relacionada co uso do idioma. Unha ferramenta destinada a persoas que fan a elección de vivir en galego, que queren atopar o galego en calquera lugar, que sosteñen o desexo de vivir en galego e que queren mostrar as dificultades para avanzar.

Abertos ao Galego é un proxecto que parte dun certificado de calidade asociado ao uso do galego por parte das empresas. Algunhas iniciativas deste proxecto son a edición anual dun catálogo de Nadal Abertos ao Galego con propostas de agasallos das empresas e apoiarmos un consumo responsábel co galego. Neste proxecto destaca a aplicación Abertos ao Galego que permite consultar centos de estabelecementos que usan o galego. Pretende mellorar a presenza da lingua galega nos estabelecementos comerciais e de servizos.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra