Noticias da Mesa

A Mesa enviaralle o seu informe aos grupos parlamentares para que exixan que o Goberno aplique dunha vez o Plan Xeral de Normalización

A asociación dirixirase ao presidente da Xunta para lle facer chegar o seu informe sobre o PXNLG e instalo a que retorne ao consenso. Do mesmo xeito dirixirase ás principais institucións culturais e lingüísticas do país

A iniciativa da Mesa coincide co décimo aniversario da aprobación unánime do Plan Xeral de Normalización no Parlamento Galego

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2014. – O día no que se cumpren dez anos da aprobación unánime do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, A Mesa pola Normalización Lingüísitica anunciou que contactará cos diferentes grupos políticos presentes no Parlamento, a Xunta, e as principais institucións e entidades culturais e lingüísticas do país para lles facer chegar o seu informe e impulsar dunha vez o cumprimento do PXNLG.

 

O informe da Mesa, presentado a semana pasada (e ao que se pode acceder nesta ligazón), analiza a situación actual da lingua galega en relación ao nivel de cumprimento dos obxectivos e medidas contemplados no PXNLG e na actitude que mantén a actual Xunta de Galiza aos respecto. Nesta avaliación e grazas ao que a entidade tivo oportunidade de constatar nestes anos polas denuncias e queixas que lle chegan cada día, a asociación en defensa da lingua galega concluía que “o nivel de incumpriento dos obxectivos e medidas do Plan Xeral é escandaloso”.

 

Neste sentido, A Mesa pola Normalización Lingüística destacaba a necesidade de “retornar ao consenso de 2004 por parte de quen o rompeu, o Partido Popular e o Presidente da Xunta, que ten a obriga de aplicar o PXNL”, así como dun “compromiso explícito e efectivo co PXNLG por parte do goberno e actuacións lexislativas que desenvolvan o contemplado nas medidas acordadas neste” e reclamaba a derrogación de “todas as disposicións legais contrarias ao PXNLG, nomeadamente as relacionadas co ensino e coa admisnitración”. 

 

Con este obxectivo, A Mesa fará chegar a súa análise tanto ao presidente da Xunta e ao Secretario Xeral de Política Lingüística como ao resto de grupos políticos representados no Parlamento de Galiza, ás principais institucións culturais e lingüísticas do país, como a RAG e o Consello da Cultura Galega, e as principais asociacións, sindicatos e entidades involucradas na promoción do galego.

 

“O goberno de Feixó dedicouse nestes cinco anos a desmantelar un por un os acordos en torno á lingua”, sinalou Maceira, “incumprindo a súa palabra de deputado, ignorando a lei e facendo ouvidos xordos aos mandatos parlamentares”.  

 

Marcos Maceira: “O informe  que presentamos a pasada semana evidencia que a política lingüística levada a termo polo Goberno de Feixó nestes últimos cinco anos non só non aplicou as medidas acordadas no Plan Xeral, senón que en moitos casos lexislou en sentido contrario, e para imposibilitar na práctica a consecución dos obxectivos marcados, como demostra de xeito paradigmáticos o caso do ensino e o decretazo contra o galego, que supuxo unha involución sen precedentes”. “As consecuencias do incumprimento e da renuncia á palabra dada en forma de acordo unánime no Parlamento están á vista: retroceso sen precedentes no número de falantes, desaparición da lingua galega da Educación Infantil das cidades, vulneración de dereitos lingüísticos e cidadáns en inferioridade de condicións das persoas galegofalantes no seu propio territorio, por non falar da imposibilidade de ver un filme en galego nunha sala comercial ou de ter a opción ao galego en productos audiovisuais…”

 

Para A Mesa, o Partido Popular e o actual presidente teñen que “demostrar que o acontecido o 22 de setembro de 2004 non foi unha fraude”, e que teñen capacidade de rectificar, xa que “ao non aplicar o PXNL ou actuar en sentido contrario das medidas que estabelece está a causar graves prexuízos á lingua e á cidadanía galega, que fale ou non galego quere que o noso principal sinal de identidade continúe vivo” afirman desde a entidade cidadá.

 

Desde asociación en defensa da lingua defenderon a necesidade de retomar o consenso en torno á promoción da lingua, e lembráronlle a Feixó as palabras coas que Manuel Fraga introducía o Plan Xeral:

 

“O galego, lingua propia de Galicia como establecen a Constitución e mailo Estatuto, non pode ser utilizado como un instrumento político nin como arma partidaria. A nosa fala constitúe o cerne central da nosa identidade, o alento e alma do pobo galego, e como tal, debemos traballar todos moi unidos e na mesma dirección. A defensa do galego é algo moi serio e debe levarse a cabo sen falsidades nin demagoxias baratas.”.  

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis