A Mesa estreará dominio .gal este 25 de xullo

A Mesa participou esta mañá na presentación oficial dos dominios Pioneiros de PuntoGal

Marcos Maceira salientou o traballo realizado pola Asociación PuntoGal para conseguir un dominio propio en internet que visibilice a nosa lingua no mundo

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2014. A asociación en defensa da lingua participou esta mañá na presentación dos dominios Pioneiros de PuntoGal que a Asociación PuntoGal organizou no Museo do Pobo Galego.

 

A Mesa é unha das organizacións seleccionadas para formar parte do Programa de Pioneiros do dominio propio para a sociedade galega. Deste xeito, o novo enderezo web da asociación, www.amesa.gal, comezará a funcionar o vindeiro 25 de xullo.

 

A partir do mes de setembro a posibilidade de solicitar dominios .gal abrirase ao conxunto da sociedade nas fases de Lanzamento (Abrente e Carreira) e finalmente en decembro na fase Aberta. (Toda a información está dispoñíbel en www.dominio.gal).

 

A Mesa, entidade adherida á Asociación PuntoGal desde o seu nacemento, valorou o éxito da iniciativa e parabenizou os seus promotores polo esforzo realizado, así como ao conxunto de entidades sociais que se sumaron a este proxecto apostando por un dominio propio para a nosa lingua na internet, unha ferramenta de radical importancia para a visibilización da lingua e cultura galegas no mundo.

 

Marcos Maceira destacou o traballo realizado pola Asociación PuntoGal nestes anos e salientou, alén dos innegábeis beneficios económicos e de cohesión social que o novo dominio suporá para o país, a importancia que terá para o desenvolvemento do galego na sociedade actual: “o dominio .gal é unha ferramenta imprescindíbel para fomentar e visibilizar o uso do galego na rede”, sinalou o presidente da Mesa, “un espazo que na sociedade do século XXI non lle pode ser alleo a ningunha lingua que aspire á normalidade”.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra