Noticias da Mesa

A Mesa exíxelle á Xunta que defenda oficialidade do galego fronte ao desprezo de Fomento de Construcciones y Contratas (FCC) no conflito aberto coa Mancomunidade do Barbanza

A Mesa: A Xunta debe aclararlle a FCC que como empresa adxudicataría dun servizo público non só debe respectar a oficialidade do galego senón que ten a obriga de “promover o uso normal do galego oralmente e por escrito na prestación dos seus servizos”

Marcos Maceira: “Non estaría de máis que aínda que só fose unha vez en toda a lexislatura Feixó defendese o galego”

A Mesa animou a cidadanía a se dirixir ao twitter desta empresa, @FCC_Group, para lles pedir explicacións sobre o seu desprezo á lingua dos seus clientes en Galiza co hashtag #paremososataquescontraogalego

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2014.-  A Mesa pola Normalización Lingüística enviou un escrito esta mañá ao Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García,  para lle exixir que cumpra coas funcións que lle encomenda da Lei de normalización lingüística e defenda a oficialidade do galego fronte aos ataques da empresa FCC no conflito que mantén aberto coa Mancomunidade de concellos Serra do Barbanza.

 

FCC é a empresa que xestiona a planta de xestión dos RSU dos nove concellos que integran a Mancomunidade Serra do Barbanza. Tras unha auditoria na que  segundo a mancomunidade se detectaron numerosas irregularidades e incumprimentos das condicións da adxudicación, iniciouse o proceso para cancelar a concesión. Neste contencioso, a empresa non admite que a mancomunidade use o galego na documentación e solicitou a tradución ao español dos máis de 2 000 folios que forman o expediente.

 

O presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, e a Mancomunidade de concellos Serra do Barbanza representada polo seu presideste e alcalde de Carnota, Ramón Noceda, mantiveron o pasado xoves unha reunión para valorar o ataque á oficialidade do galego da multinacional Fomento de Construcciones y Contratas no contencioso aberto coa Mancomunidade.

 

Nesa reunión, na que ademais do presidente da Mesa e o alcalde de Carnota participaron o xerente da Mancomunidade e a técnica de normalización lingüística do Concello, a entidade en defensa do idioma amosou o seu apoio á Mancomunidade no uso normal do galego e denunciou a gravidade da actitude hostil cara á lingua da coñecida multinacional, que pretende eliminar pola vía dos feitos o carácter de lingua oficial do galego.

 

A Mesa pola Normalización Lingüística mostrouse contundente ao negar o dereito e a lexitimidade de FCC a solicitar a tradución deste expediente ao español, lembrando que non tivo ningún problema para entender o galego cando lle interesou asinar o contrato de adxudicación nin en todos os anos que leva vixente a concesión. Marcos Maceira valorou o exemplo da Mancomunidade ao defender a dignidade do galego como lingua oficial preguntándose “se FCC mantén a mesma actitude cando concorre a procesos de adxudicación de obras ou servizos públicos en Cataluña ou en Francia.”

 

Neste sentido, desde a entidade en defensa do idioma criticaron a pasividade da Xunta ante este tipo de agresións á oficialidade do galego, algo que ningunha outra administración consinte nos seus respectivos países.

 

A Mesa exixiulle á Secretaría Xeral de Política Lingüística que cumpra co seu deber e defenda a oficiliadade do galego tal como lle encomenda a Lei de normalización lingüística, apoiando publicamente a Mancomunidade e dirixíndose a FCC para lle lembrar a súa obriga, como empresa adxudicataria dunha concesión pública, de respectar o réxime de oficialidade lingüística de forma que non pode obviar que o galego é a lingua propia e oficial de Galiza e da súa administración.

 

Marcos Maceira: “A lexislación obriga as empresas concesionarias de servizos públicos non só a respectar a oficialidade do galego, senón a “promover o uso normal do galego oralmente e por escrito na prestación dos seus servizos” e garantir que os cidadáns se poidan relacionar con elas e acceder aos seus servizos en galego. Xa que logo non é admisíbel que a empresa argumente descoñecemento do galego porque ten o deber de o coñecer e utilizar.”

 

Así, o presidente da Mesa sinalou que “tras este episodio está claro que FCC non debería ter ningún tipo de adxudicación pública en Galiza” e indicou que vixiarán se no resto de contratos que manteñen con outras administración galegas tampouco cumpren co mínimo respecto á lingua do país sinalado na lexislación.

 

Finalmente, A Mesa animou a cidadanía a se dirixir ao twitter desta empresa, @FCC_Group, para lles pedir explicacións sobre o seu desprezo á lingua dos seus clientes en Galiza co hashtag  #paremososataquescontraogalego

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis