A Mesa felicita os policías locais de Carballo que crearon o aplicativo informático XesPol que permite tramitar en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística recoñece o valor da plataforma XesPol creada por Kathy Pena e Manuel Fuentes, policías locais en Carballo, e que foi cedida gratuitamente aos concellos galegos. Esta ferramenta, empregada na actualidade en 29 municipios, dá a posibilidade de centralizar en galego trámites administrativos, penais e de tránsito e simplifica sensíbelmente os procedementos que as e os axentes da Policía Local teñen que realizar nos expedientes.

A Mesa dirixiuse ao alcalde de Carballo para transmitirlle os parabéns a estes dous axentes e instalo a que incorpore este aplicativo no seu Concello. “Cómpre recoñecer o traballo realizado polos policías carballeses que fixeron co seu esforzo persoal o que aos poderes públicos non lles interesou en case corenta anos”, afirma Marcos Maceira, presidente da entidade de defensa da lingua, “que a policía local poida contar con ferramentas que tamén lles permitan cumprir a lei e garantir a presenza do galego”. “O concello de Carballo pode estar orgulloso de contar con estes axentes”, conclúe, “mais sen dúbida o mellor recoñecemento público ao seu labor debe ser incorporar o aplicativo á súa xestión e garantir a presenza da lingua galega”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra