A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa festexa a aprobación unánime da ILP Paz-Andrade e insta o Goberno a cumprila

Carlos Callón: “Non queremos que, máis unha vez, se nos recoñezan dereitos lingüísticos ou culturais coa condición de non podermos exercelos”

“A nosa cultura ábrenos as portas da Lusofonía, con enormes potencialidades económicas, educativas ou culturais que deberiamos comezar a aproveitar canto antes”

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2014.- A Mesa pola Normalización Lingüística acolle “con enorme alegría e esperanza” a aprobación por unanimidade no Parlamento galego da Iniciativa Lexislativa Popular Valentín Paz-Andrade, coa que se pretende impulsar a aprendizaxe do estándar portugués no ensino, o relacionamento coas institucións da Lusofonía e a recepción en Galiza dos medios portugueses.

 

A maior asociación cultural galega pide que “este novo acordo parlamentar, que se suma a moitos outros acordos parlamentares no mesmo sentido e tamén unánimes, non fique na gabeta das promesas incumpridas, como ten acontecido no pasado”. “Non queremos que, máis unha vez, se nos recoñezan dereitos lingüísticos ou culturais coa condición de que en verdade non os poidamos exercer”, sintetiza o presidente deste colectivo cidadán, Carlos Callón.

 

“Hai que lembrar que a Lei de normalización lingüística ou o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobados por unanimidade no Parlamento galego, xa inclúen camiños de implicación co noso espazo natural: o lusófono. O mesmo se pode dicir da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, secundada tamén por unanimidade no Congreso dos Deputados. Así mesmo, hai que recordar que en 2008, tras o impulso da Mesa, se aprobou no Parlamento galego –co voto a favor do actual presidente da Xunta e daquela portavoz da oposición, Alberto Núñez Feijóo– unha iniciativa para que se recibisen en Galiza as radios e televisións portuguesas e que mesmo o presidente do Goberno español chegara a asumir no Congreso dos Deputados unha posición favorábel. Ningún destes catro acordos unánimes se chegou a cumprir nunca”, explica Callón, quen sinala que “aínda se poderían pór outros pequenos exemplos que van polo mesmo camiño da simple propaganda”.

 

“Oxalá a situación mude a partir de agora, pois é un verdadeiro disparate tanto en termos culturais, educativos como económicos que non se aproveite as enormes potencialidades internacionais que posúe Galiza polo feito de termos cultura propia”, conclúen desde A Mesa.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra