A Mesa impulsa unha denuncia perante a Unesco pola vulneración de dereitos lingüísticos de Galiza

Carlos Callón: “Queremos que o mundo saiba o crime que se está a cometer contra a lingua galega. Un mundo sen galego sería un mundo máis pobre”

Hai 60 anos, en 1954, tamén se presentou unha denuncia polos ataques contra o galego, “noutra época de tebras para a nosa cultura”

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2014.- En 1954 presentouse unha “Denuncia diante a Unesco da perseguizón do idioma galego polo Estado Hespañol”. Desde A Mesa sinalan que, no entanto, “non só procuramos recordar o 60 aniversario dese fito da resistencia do pobo galego”, senón que, coa nova denuncia que van presentar neste 2014, “aspiramos a deter o crime contra o noso idioma que están a perpetrar as institucións que deberían protexelo, a comezar pola Xunta”.

 

O presidente da Mesa, Carlos Callón, que compareceu esta mañá acompañado de Susana Méndez e Marcos Maceira, explicou que “hoxe mesmo imos iniciar un proceso participativo, de diálogo e procura de colaboración con outras entidades, para presentarmos todas xuntas esta denuncia internacional”, na cal farán “un repaso polos principais agravios que está a padecer o noso idioma”, “uns paus nas rodas que se poñen tanto desde o Goberno español como desde o Goberno galego e que fan que hoxe sexa moito máis difícil vivir en galego que hai catro ou cinco anos”. Ademais, o portavoz da Mesa lembrou que “a de Galiza é a única lingua do Estado que está a perder falantes, nunha hemorraxia que os gobernos non fan máis que fomentar”.

 

“Queremos internacionalizar esta información, que o mundo saiba o lingüicidio que se está a perpetrar en Galiza. Un mundo sen galego sería un mundo máis pobre”, enfatizou. Por iso, desde A Mesa pretenden traducir o relatorio que presenten perante a Unesco “a todas as linguas que poidamos” e “espallalo o máximo posíbel, porque a problemática galega debe ser coñecida”.

 

Marcos Maceira puxo como exemplo deste “lingüicidio” a prohibición da docencia en galego dalgunhas materias, o recente despedimento do profesorado que impartía cursos en galego para adultos, a negación de contratos predoutorais a quen entregou documentación en galego, a redución da presenza do galego nos medios de comunicación, a eliminación do galego do programa informático da Administración de Xustiza, a eliminación do galego como requisito no acceso á Función Pública “e moitísimas outras medidas que non collerían no tempo que temos para unha conferencia de imprensa”. Maceira criticou tamén o “papelón” de Valentín García, “que está de secretario xeral de Política Lingüística porque ninguén máis quería ese cargo”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra