A Mesa insta o PP de Galiza a abandonar “a campaña de odio, de mentiras e de manipulación contra o galego no ensino”

O presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira, resposta ás declaracións de Miguel Tellado sobre a modificación da LOMCE pedíndolle que aproveite a oportunidade para reverter a reforma unilateral do PP e atender, así, as indicacións do Consello de Europa ao respecto

Compostela, 5 de novembro de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüísitica insta o Partido Popular de Galicia que abandone “a campaña de odio, de mentiras e de manipulación contra o galego no ensino”. O presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira, resposta ás declaracións do portavoz do PP, Miguel Tellado, sobre amodificación da LOMCE pedíndolle que aproveite a oportunidade para regresar á situación anterior á reforma unilateral do PP e atender as indicacións do Consello de Europa de garantir o galego como lingua vehicular do ensino en Galiza.
 
“O que é un despropósito”, explica Maceira, “é manter un decreto contra o galego rexeitado por toda a comunidade educativa, pola sociedade e mesmo polo Consello de Europa e facelo cando os datos sobre os efectos do mal chamado decreto de plurilingüismo, son terroríficos”. “Insitir en manter este decreto é letal para Galiza e o galego”, conclúe.
 
Maceira lembra que hai unha proposta que conta cun amplo consenso na comunidade educativa, Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza, que realizaron o pasado mes de xuño a entidade de defensa da lingua e as ANPAS, organizacións sindicais e movementos de renvación pedagóxica. “O PP e a Xunta deben asumir a proposta da Mesa, CIG-Ensino, CSIF-Ensino, STEG, Federación de ANPAS Galegas, AS-PG e NEG como unha oportunidade para garantir o futuro do galego”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra