A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa lamenta a “falta de palabra” da presidenta do Parlamento e agarda que a nova composición do Hórreo “non considere prescindíbel o galego na telefonía móbil”

Pilar Rojo comprometérase persoalmente a que a concesionaria de telefonía móbil da Cámara garantiría a atención en galego e agora non pide nin que os terminais teñan esta opción.

O PP considera “prescindíbel” a opción de galego na telefonía móbil.

O 8 de abril de 2011 mantiveron unha entrevista institucional o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, e a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo. Ademais de lle trasladar a súa preocupación polas políticas lingüísticas, culturais e educativas do Goberno galego, o representante da entidade cidadá conseguiu de Rojo un compromiso concreto. Así, a presidenta do Parlamento comprometeuse nese momento a garantir a atención en galego como un requisito para a que fose a próxima concesionaria de telefonía móbil na Cámara do Hórreo. Nese momento, Callón valorou positivamente o acordo e salientou que “a súa concreción non só vai beneficiar os dereitos lingüísticos das deputadas e dos deputados, senón os do conxunto da cidadanía, xa que a empresa concesionaria vai aumentar o seu persoal capacitado para poder respondernos no noso idioma”.

 

No entanto, a Cámara do Hórreo está a renovar nestes momentos o contrato de telefonía móbil sen incluír nin tan sequera a opción de que o galego estea presente nos terminais, a pesar de que “tal opción existe no mercado”, como lembran desde A Mesa. A asociación reproba que o Partido Popular “considere prescindíbel ter cando menos a opción de escoller a lingua que o Estatuto de autonomía recoñece como a oficial de Galiza”. Para Callón, “hai un problema na palabra da presidenta do Parlamento, mais tamén un relevo simbólico moi grande, e moi negativo, en que se poida considerar prescindíbel o noso idioma”. Por iso, agarda que “o Parlamento que saia das urnas o 21 de outubro non considere prescindíbel o noso idioma”.

 

O presidente da Mesa tamén chamou a atención ao feito de que a actual empresa concesionaria, Movistar, infrinxe unha lei aprobada por unanimidade no propio Parlamento, que sinala que as empresas prestadoras de servizos deben garantir que calquera persoa poida falar en galego sen ningún obstáculo. “Porén, a día de hoxe, dáse a circunstancia paradoxal de que as liñas móbiles da Xunta e do Parlamento non teñen opción para que Movistar os atenda en galego, xa que se trata de liñas de empresa, e para esas Movistar non ten servizo no noso idioma”, observa Callón, quen ofrece o dato de que “mentres o galego está excluído, resulta que Movistar oferta poder falar desde Galiza en castelán, catalán, italiano, inglés, francés e alemán. E logo nós non existimos?”

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra