Abertos ao Galego Noticias Noticias da Mesa

A Mesa lanza un catálogo con propostas de compras e agasallos de Nadal en galego

Xa está dispoñíbel na web da entidade, que quere recoñecer así as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Compostela, 7 de decembro de 2018.- Libros, discos, cadernos e elementos decorativos, xogos, roupa, complementos, experiencias, alimentos… A Mesa pola Normalización da Lingüística vén de lanzar a través da súa páxina web un catálogo cun cento de propostas de compras e agasallos de Nadal en galego, coa vontade de recoñecer as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico e recorda que “facendo presentes en galego como consumidoras e consumidores estamos a pór en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía”.

O catálogo forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole. Desde o cumprimento da lexislación lingüística e o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego,  até o uso sistemático do galego tanto interna como externamente e a solicitude de información e documentación en galego a provedores e administracións, Abertos ao Galego acompaña e apoia aquelas entidades que apostan dun xeito consciente pola lingua propia amosándolle á cidadanía os seus esforzos e animando os consumidores e consumidoras a apoialas, escollendo os seus produtos ou servizos.

“Todas as decisións que tomamos como consumidores e consumidoras teñen implicacións”, recorda o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “non ten as mesmas repercusións económicas, laborais ou ecolóxicas comprar un iogur fabricado en Francia que en Galiza, do mesmo xeito que non é o mesmo ter contratada unha empresa de telefonía que emprega persoas que poden atender a clientela en galego ou unha que non dá o seu servizo na nosa lingua”.

Maceira ofrece dez motivos polos que preferirmos empresas que traballan en galego:

  1. Porque temos dereito a escoller, e quen escolle a nosa lingua tamén nos escolle a nós.
  2. Porque o galego nos identifica como cidadáns e cidadás no mundo. Prestixiar o galego é prestixiármonos nós mesmos/as.
  3. Porque recibiremos unha atención máis personalizada e próxima.
  4. Porque contribuiremos á creación e mantemento de postos de traballo no noso país. As empresas que poden atendernos en galego teñen no seu cadro de persoal traballadores e traballadoras galegos/as. Apostar por estas empresas é apostar por crear postos de traballo na nosa terra.
  5. Porque estaremos apostando por empresas que asumen a súa responsabilidade social.
  6. Porque podemos apoiar empresarios e empresarias que fan un esforzo polo uso do galego.
  7. Porque dun xeito amábel e directo podemos facer máis polo noso idioma que moitas campañas de divulgación. Apoiando activamente as empresas que apostan polo galego estamos facendo moito por promovermos o galego no ámbito socioeconómico.
  8. Porque contribuiremos a que outras empresas usen o noso idioma de xeito normal. Apoiar a presenza do galego no ámbito socioeconómico dálle prestixio á lingua e ten efectos multiplicadores noutros ámbitos da vida social.
  9. Porque as empresas que usan o galego, interna e externamente, entenden que o noso idioma é un elemento positivo para a súa imaxe.
  10. Porque os produtos etiquetados en galego teñen tanta ou máis calidade que outros. A lingua galega é unha marca de orixe e a orixe galega dos produtos é un sinal de calidade, e en moitos casos de elaboración natural e artesanal.

Tedes dispoñíbeis para descarga o Catálogo e máis a portada, tamén podedes compartilo na plataforma Isuu.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis