Noticias da Mesa

A MESA lémbralle as súas obrigas co galego ao Consello da Xunta e nomeadamente ás novas conselleiras e conselleiros

O PXNLG aprobado unanimemente e ratificado na Declaración do 15 de xullo fixo 11 anos sen ser aplicado

Marcos Maceira: “As accións e actitudes favorábeis á lingua propia corresponden a todas as áreas de goberno”

 “Cando xuran ou prometen o cargo comprométense a potenciar o emprego do galego en todos os planos, tal e como di o actual estatuto”

 Hoxe mesmo con motivo da feira Conxemar a Xunta excluíu o galego nun anuncio e o Feixó na inauguración

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2015-. A Mesa pola Normalización Lingüística lembroulle a todas as conselleiras e conselleiros do goberno galego, en particular aos que tomaron hoxe pose do seu cargo, a obriga de potenciaren a lingua galega en cumprimento da promesa feita en relación ao estatuto de Galiza que no seu artigo 5.3 sinala que garantirán e “potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa”, polo que actuar a favor da lingua de Galiza corresponde a todas e cada unha das áreas de goberno.

A entidade en defensa do galego advirte que ademais do Estatuto e da Lei de Normalización Lingüística, existe un Plan con 445 medidas concretas para que o goberno actúe a favor do galego, aprobado por unanimidade parlamentar hai 11 anos e ratificado na Declaración de Unidade a prol da Normalización asinada por todos os partidos de Galiza o pasado 15 de xullo. “O que cómpre agora é activalas e aplicalas, deixar de desprezalas”, sinalou o seu presidente, Marcos Maceira.

A Mesa lembrou o informe publicado pola entidade con motivo do 10º aniversario do PXNLG, cos seus principais incumprimentos, que afectaban a todas as áreas de goberno.

No caso da sanidade este informe evidenciaba a falta de garantías na atención sanitaria na lingua da elección do paciente observada tamén en casos de imposibilidade de recibir a documentación do consentimento do paciente para as probas na lingua propia ou negativas nos centros sanitarios a facilitar atención oral en galego. O informe sinalaba tamén nesta área inacción en medidas que contemplaba o PXNLG como a inexistencia de cláusulas a prol da normalización lingüística nas diferentes modalidades de contrato para a prestación de servizos sanitarios que subscribe o SERGAS con entidades privadas; a ausencia de campañas de información entre os usuarios da sanidade para que coñezan o seu dereito de seren atendidos en galego; e mesmo a distribución polo propio SERGAS de programas informáticos que dificultan que os profesionais da sanidade realicen o seu traballo en galego.

Nos servizos sociais o informe denunciaba “actuacións encamiñadas a deixar de garantir a competencia en galego dos traballadores e traballadoras dos servizos sociais, publicación unicamente en castelán da Carteira de Servizos sociais, ou a elaboración dun modelo de “Informe Social Unificado” que exclúe o galego, dificultando que as traballadoras e traballadores sociais usen a lingua propia”

“Os mesmos problemas que o Parlamento galego detectou hai once anos cando aprobou o PXNLG e que voltou sinalar A Mesa hai un, seguen hoxe de absoluta actualidade ou renovados pola acción contraria desde o propio goberno, como mostra o decretazo contra o galego no ensino, con resultado á vista, ou a reforma da Lei da función pública “destacan desde A Mesa.

“Unha lingua normalizada é a que se pode utilizar en todo e para todo, e o goberno galego é o primeiro que ten que mostrar que iso é posíbel para o galego facéndoa visíbel e audíbel en todas as súas actuacións”, sinalou Maceira, e engadíu que “abonda con ver nos informativos de hoxe o propio presidente da Xunta renunciando á utilización do galego na inauguración de Conxemar, ou como previamente a Xunta publicaba un anuncio na imprensa en español, para decatármonos de como a promoción do galego limítase á retórica nalgúns actos e cada vez menos”.

A Mesa remitiralle ás novas e novos conselleiros o PXNLG xunto co informe sobre o seu cumprimento para que comecen a actuar de inmediato.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis