A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa leva perante o Valedor as presións da Deputación para que un funcionario non use o galego no traballo

A asociación en defensa da lingua pediu a intervención do Valedor do Pobo ante o que considera un caso “extremadamente grave”

Desde A Mesa sinalaron: “Se Diego Calvo non asume que o galego é a lingua propia da Deputación e o que iso significa debe dimitir do seu cargo. A Deputación da Coruña non merece un presidente que minta con descaro nun escrito oficial para xustificar a persecución do galego”

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2013. A Mesa pola Normalización Lingüística tramitou unha queixa ante o Valedor do Pobo para denunciar as presións que a institución presidida polo popular Diego Calvo exerceu contra un funcionario por utilizar o galego no traballo, pedindo a súa intervención no que calificaron como un feito “extremadamente grave”.

 

“É inadmisíbel que desde unha administración pública galega se coaccione un funcionario para que non use o galego no seu traballo” apuntaron desde A Mesa, calificando como “escandaloso” que o propio presidente da Deputación se atreva a mentir sobre a lexislación aplicábel nun escrito oficial para xustificar a súa persecución contra o galego. Na Mesa non dubidaron en afirmar que “se Diego Calvo non asume que o galego é a lingua propia da Deputación e o que iso significa debe dimitir do seu cargo”.

 

Segundo a queixa recibida pola Mesa a través da Liña do Galego, o traballador recibiu presións dos seus superiores para que non utilizase o galego nos asentos dun rexistro interno da Deputación. Tras ir aumentando a seriedade destas presións o funcionario presentou formalmente un escrito no que expuña o seu caso e informaba dos comentarios e instrucións dos seus superiores, argumentando que ían en contra da normativa que el coñecía xa que como funcionario da Deputación utilizaba o galego no traballo en cumprimento da lexislación sobre o uso da lingua nas administracións locais de Galiza. Neste escrito solicita que se lle comunique se existe outra normativa aplicábel sobre o uso da lingua no Rexistro de Documentos da Deputación da Coruña, que o informen de se o uso do galego que el fai nos procedementos administrativos vulnera o que esta estabelece, e de cales son as súas obrigas e dereitos como traballador dunha administración local galega en relación co uso da nosa lingua.

 

Este escrito é respondido polo propio presidente da Deputación, quen lonxe de avalar o uso do galego por parte do funcionario ratifica as instrucións de que use o español no seu traballo, sinalando sen rubor que “a decisión da Deputación, de utilizar o galego ou o castelán no Rexistro Xeral non vulnera o establecido na normativa. Pero é a Deputación quen ten a competencia de adoptar esa decisión non os traballadores ao seu servizo”.

 

Nesta resposta escrita a unha solicitude formal tramitada polo Rexistro da institución, o presidente da Deputación mente ao citar o artigo 1 da Lei 5/1988, de 21 de xuño do uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, indicando que é a lei que “recolle as obrigas das entidades locais no tocante ao uso do galego, entre as que non se atopa o Rexistro Xeral”.

 

O presidente da Deputación oculta que esta Lei do ano 88 se completou unha década despois coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, que no seu artigo 7 promulga que “o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración Local”, e continúa indicando que “As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega”. Tamén as medidas apuntadas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega en relación coa administración local reforzan esta posición (como a medida 1.2.3 que estabelece “que todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos (…) teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita”).

 

Mais a propia diferenciación que a lexislación estabelece entre “lingua cooficial” e “lingua propia” das administracións autonómicas e locais xa se concreta nun mandato claro de uso preferente do galego fronte ao castelán por parte dos poderes públicos de Galiza, recoñecido por toda a xurisprudencia xerada desde os anos 80. Así, os poderes públicos galegos non só deben garantir o uso normal e oficial do galego, senón que deben “potenciar” o seu emprego en todos os planos da vida (art. 5.3 do Estatuto de Autonomía de Galiza), o que, de acordo co apartado 3 do artigo 6 da Lei de normalización lingüística, significa que deben promover “o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns”. Por tanto ás administracións públicas de Galiza exíxeselles un plus de uso prioritario do galego, que implica que esta debe ser a lingua de uso normal e preferente das ditas administracións (tamén nos rexistros administrativos con efectos fundamentalmente internos, como neste caso), sempre que se garanta o dereito dos cidadáns seren atendidos na outra lingua cooficial cando así o desexaren.

 

Xa que logo a decisión da Deputación de prohibir a utilización do galego nun acto administrativo si vulnera claramente o estabelecido na lexislación.

 

A Mesa considerou “inaudito” e “moi grave” que desde unha institución se minta nunha solicitude formal de información sobre a lexislación aplicábel en relación aos uso das linguas oficiais e os dereitos e deberes dun traballador, xa que resulta pouco verosímil que na Deputación da Coruña, como administración local que é, se descoñeza a principal lei que regula a súa actividade, sobre todo cando esta lei está vixente desde hai 15 anos…

 

Segundo A Mesa tamén mente Diego Calvo ao se excusar en “dificultades prácticas para poñer en marcha o cambio ao uso do galego na totalidade das aplicacións informáticas, como é o caso do Rexistro Xeral”, xa que a aplicación informática que utilizan no rexistro xa está en galego. O mandato de realizar os asentos en español non se debe a unha dificultade técnica obxectiva, senón a un posicionamento político por parte do PP que pretende deixar sen efecto a oficialidade do galego e eliminar o seu uso normal da Deputación da Coruña, como vén denunciando A Mesa nas últimas semanas.

 

A asociación en defensa da lingua lembrou que os incumprimentos da lexislación por parte da Deputación da Coruña son premeditados e constantes desde que Diego Calvo preside a institución, como denunciou A Mesa a respecto de varias campañas institucionais nas que se exclúe completamente o uso do galego, por exemplo as ligadas ao proxecto Mandeo (http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/540) ou as de sinalización viaria (http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/536).

 

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra