A Mesa logra que o Sergas cambie a lingua por defecto da aplicación É-Saúde do castelán ao galego

A Valedora do Pobo vén de anunciar o resultado positivo da queixa tramitada pola Liña do Galego, denunciando a vulneración dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega

Máis da metade das reclamacións que recibe cada ano a Liña do Galego refírense á administración pública, destacando entre elas as dirixidas ao Servizo Galego de Saúde

Compostela, 14 de setembro de 2021.- A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, vén de informar a Mesa pola Normalización Lingüística de que como consecuencia da queixa tramitada pola Liña do Galego o Sergas vai modificar a prioridade da aplicación informática É-Saúde para que o idioma sexa por defecto o galego e non o castelán, como era ata o momento.

“O dereito ao uso do galego en todos os ámbitos da vida por parte dos cidadáns está garantido na Constitucion Española, no Estatuto de Autonomía de Galicia e nas normas sobre normalización lingüística”, recorda Fernández Galiño. “Este dereito”, engade, “ven reflectido tamén en documentos internacionais como a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, acordada en 1992 no seo do Consello de Europa, para a defensa e promoción de todas as linguas europeas, mesmo as que teñen estatuo de cooficialidade, como o galego na Comunidade Autónoma de Galicia”.

A Subdirección Xeral de Humanización e Atención á Cidadanía do Servicio Galego de Saúde vai modificar, polo tanto, a lingua prioritaria de comunicación coa cidadanía galega, como consecuencia da xestión realizada pola Liña do Galego. A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, recorda que máis da metade das reclamacións que recibe cada ano o servizo refírense á administración pública, destacando a vulneración dos dereitos lingüísticos por parte do SERGAS, especialmente incrementada pola situación de emerxencia sanitaria vivida durante o ano 2020.

Os protocolos internacionais de garantía do dereito á saúde indican que ésta debe ofrecerse na lingua da persoa usuaria, mesmo no caso de que esa lingua teña escasa ou nula presenza no noso terriotorio. Porén, a atención sanitaria segue sen estar dispoñíbel en galego, causando ademais importantes trastornos a quen o solicitar.

O traballo que desenvolve a Liña do Galego de tratamento, asesoramento, difusión e atención das queixas ten conseguido nos últimos meses que se emendaran algúns comportamentos e políticas lingüísticas de empresas e administracións públicas, como o actual cambio na aplicación É-Saúde, a App Radar Covid, os parquímetros da zona ORA do Concello de Vigo, a aprobación da ordenanza de normalización lingüística do Concello da Coruña ou os informes emitidos polo Consello de Europa.

As persoas que o desexen poden porse en contacto coa Liña a través do número 981 563 885, do correo-e linhadogalego@amesa.gal  ou da app A Liña do Galego.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra