A Mesa mostra todo o seu apoio ao programa Planeta Furancho da Radio Galega, exixe a súa continuidade e a visibilización da música galega na CRTVG en horarios asequíbeis

A Mesa mostra todo o seu apoio ao programa Planeta Furancho da Radio Galega, exixe a súa continuidade e a visibilización da música galega na CRTVG en horarios asequíbeis

A asociación en defensa da lingua chama a participar na concentración que terá lugar o xoves 28 de maio ás 20.30 na Praza do Toural de Santiago

Marcos Maceira: “O pobo galego ten dereito a coñecer a ampla produción musical en galego, e a CRTVG a obriga de difundila”

 “A cantidade, a calidade e a demanda de música en galego é incuestionábel. A súa eliminación ou exclusión a horarios marxinais só se explica como intento máis do goberno Feixó de ocultar o mellor do que producimos en Galiza na nosa lingua”

Santiago de Compostela 27 de maio de 2015-. A Mesa pola Normalización Lingüística mostrou hoxe o seu apoio á reivindicación feita por músicas e músicos e participantes na cena musical galega para se manter o programa Planeta Furancho que até agora deu espazo a través da radio pública ás bandas galegas e que, segundo está previsto, se emitirá por derradeira vez o 29 de maio.

Para a entidade en defensa da lingua, é inconcibíbel que a Radio e a Televisión públicas non sexan as primeiras en se orgullar da enorme calidade e demanda que ten a música galega, que mostra que temos unha sociedade dinámica capaz de crear e producir na súa lingua, con diversidade de estilos.

Pola contra, a música galega está condenada á marxinalidade nas transmisións da Radio e da televisión públicas, e coa eliminación da grella de Planeta Furancho, aínda terá que sufrir un novo golpe.

Para a asociación cultural máis grande de Galiza, a CRTVG ten sentido se é capaz de darlle voz e imaxe a todo o que está a producir Galiza e de actuar como axente normalizador da nosa lingua e da nosa cultura en toda a súa pluralidade, tal e como establece a Lei de creación da CRTVG vulnerada continuamente e sen vergoña polo goberno de Feixó.

Actuacións como esta, de eliminar os poucos espazos capaces de transmitiren o noso patrimonio musical e cultural en clave contemporánea, son indicativos do profundo desprezo por Galiza e polo galego que sinte o actual goberno galego, que continúa coa liña de agresión e exclusión de todo o que teña que ver co Galiza ou o galego, sexa a música, o ensino ou a administración.

A Mesa lembrou que aínda non recibiu resposta do Presidente da Xunta da solicitude de reunión para proporlle, un conxunto de seis medidas a favor do galego, entre elas, un “impulso ao papel normalizador da CRTVG, que inclúa, entre outras, “programación ampla e específica de música galega”.

Segundo o indicou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “precisamos da música galega e en galego, da súa riqueza e diversidade, e precisamos que se lle dea voz e visibilidade en programas emitidos en horario normal tanto na RG como na TVG.

A Mesa fai un chamado ao conxunto da sociedade a continuar a activarse a favor da nosa lingua e de todas as súas expresión artísticas, nomeadamente a visibilización musical na radio e televisión públicas, e a participar na concentración que mañá xoves 28 de maio ás 20.30 terá lugar na Praza do Toural de Santiago en apoio a Planeta Furancho.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra