A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa parabeniza a Google por crear a opción idiomática de galego para Google+

A entidade anima a todas as persoas usuarias desta rede social a “conxugar o verbo escoller” e a optar por “visibilizar” o galego nas redes sociais

A asociación seguiralle a pedir á empresa que ofreza todos os seus servizos e produtos na nosa lingua, a comezar polo servizo de correo electrónico Gmail

A Mesa considera “unha moi boa noticia” para a nosa lingua que Google veña de activar a opción de idioma galego para acceder e xestionar a súa rede social Google+, lanzada hai menos dun ano.

A entidade cidadá en defensa do galego lembra que, con este novo adianto, a práctica totalidade das redes sociais máis populares xa permiten o uso do galego, polo de agora coa excepción de twitter. Primeiro foi facebook, cuxa versión en galego é froito da colaboración de internautas na súa tradución e adaptación e practicamente está completada ao 100%, e posteriormente a rede social tuenti, moi utilizada sobre todo entre a mocidade. Tamén a rede de vídeos Youtube dá opción de poder ser visualizada en galego.

A maior asociación cultural de Galiza anima a todas as persoas usuarias das redes sociais que, con independencia da lingua que empreguen no seu día a día, “queren que o galego exista” a “conxugar o verbo escoller” alí onde existir a posibilidade de usar o noso idioma propio. “Só mediante o seu uso a nosa lingua poderá existir, visibilizarse e florecer”, asevera a entidade, que adoita definir estas pequenas accións como “facer un consumo responsábel” co galego.

Malia o importante adianto que supón que a rede Google+ se poida activar en galego, A Mesa seguirá instando á empresa a posibilitar “o uso normal” da nosa lingua en todos os seus produtos e servizos, nomeadamente nos máis habituais, como por exemplo o servizo de correo electrónico Gmail. A entidade cidadá xa se dirixiu en distintas ocasións a Google pedíndolle que inclúa o galego na súa oferta lingüística.

A asociación cidadá considera “fundamental” a implicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística e pídelle ao departamento que dirixe Valentín García que “asuma as súas funcións” e faga xestións para garantir que en Galiza poidamos ter pleno acceso na nosa lingua a todo tipo de produtos e servizos relacionados coas novas tecnoloxías.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra