A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa parabenízase pola disposición de Samsung a incorporar o galego aos seus dispositivos móbiles smartphone

A multinacional anunciou onte a través de Twitter este adianto para a nosa lingua e tamén para o vasco e o catalán.

A Mesa tense dirixido en diferentes ocasións a Samsung e a outras fabricantes para lles reclamar unha presenza normal do galego nos seus dispositivos.

O anuncio vén precedido dunha intensa campaña de presión social, sobre todo para este caso concreto desde o ámbito lingüístico catalán.

A división estatal da multinacional surcoreana Samsung anunciou onte a través de Twitter que traballa para incorporar o galego, o vasco e o catalán a todos os dispositivos móbiles con sistema operativo Android que esta compañía comercializa.

A Mesa parabenízase por este anuncio, que considera “un adianto moi positivo” para a nosa lingua, así como tamén para o vasco e o catalán. A noticia supón unha rectificación da multinacional a respecto da súa vontade inicial e vén precedida dunha intensa campaña reivindicativa a través das redes sociais, impulsada sobre todo desde o ámbito lingüístico catalán, a través de queixas particulares e da protesta da Plataforma per la Llengua. Porén, A Mesa xa se ten dirixido en diferentes ocasións tanto a Samsug como a outras fabricantes para lles reclamar unha presenza normal do galego nos seus dispositivos.

“A presión cidadá exercida polas usuarias e usuarios é a que, unha vez máis, dá froitos concretos para que o galego obteña adiantos”, considera a asociación cidadá presidida por Carlos Callón, que non obstante lamenta que “tampouco, neste caso, se coñeza que fai a Secretaría Xeral de Política Lingüística” para garantir “o dereito a vivir en galego” de quen así o desexar.

A entidade agarda agora por unha data concreta para que se concrete a introdución efectiva do galego nos dispositivos smartphone de Samsung. Para entón, A Mesa chama a “festexar” o adianto mediante un “consumo lingüístico responsábel”, é dicir, optando polo galego alí onde se oferta.

Reivindicar unha presenza normal da lingua propia de Galiza en todos os ámbitos é tamén unha das razóns da manifestación que o vindeiro 17 de maio convoca en Santiago de Compostela a plataforma Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra