Noticias Noticias da Mesa

A Mesa participa en Bruxelas no Foro Rexional Europeo das Minorías, organizado pola ONU

Compostela, 6 de maio de 2019.- A directora de Abertos ao galego, Celia Armas, participa hoxe en Bruxelas en representación da Mesa pola Normalización Lingüística no Foro Rexional Europeo para as Minorías organizado pola ONU baixo o título Educación, Linguas e os Dereitos Humanos das Minorías. Previamente, onte pola tarde, Armas participou tamén nunha reunión do comité da Rede Europea para a Igualdade das Linguas – ELEN.

“Os dereitos das minorías lingüísticas son dereitos humanos que teñen que ser respectados, incluíndo un grao apropiado de uso”, recorda a Organización das Nacións Unidas na convocatoria do Foro, “A educación é probabelmente o dereito lingüístico central das minorías e é tamén fundamental para o mantemento da diversidade lingüística. Unha lingua que non é aprendida, acabará esvaecendo”. “Os beneficios da educación na lingua nai están hoxe suficientemente demostrados por estudos científicos en diferentes países do mundo”, engaden.

O relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Fernand de Varennes, xa recollera o pasado mes de xaneiro no seu informe preliminar algunha das evidencias de vulneracións de dereitos lingüísticos que lle presentara a Mesa, salientando que “as minorías lingüísticas teñen dereito a usar o seu idioma nas súas interaccións coas autoridades e institucións estatais” e incidindo en que “isto segue sen cumprirse nalgunhas rexións”.

O relator recordaba, explicitamente, no seu informe que -tal e como vén denunciando a Mesa en innúmeras ocasións- “disposicións como o artigo 231 da Lei orgánica do poder xudicial son un obstáculo importante para o cumprimento por parte de España das súas obrigas internacionais en relación co uso cooficial das linguas minoritarias, xa que estipula que nos procedementos xudiciais, os xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios e outros funcionarios utilizarán a lingua castelá e que as linguas minoritarias cooficiais só se permitirán se ningunha das partes se opón. Isto, na práctica, levou a que en moitos, se non na maioría dos casos, as autoridades xudiciais penais, civís e administrativas non permitan os procedementos en comunidades autónomas na lingua minoritaria cooficial, mesmo se o solicita unha parte”. “Este obstáculo xeral para o uso dun idioma cooficial minoritario”, afirma De Varennes, “xera preocupacións en canto ao cumprimento das obrigas internacionais de dereitos humanos que se detallarán no informe final”.

Ligazóns de interese: Información sobre o Foro (en inglés) | Primeiras impresións do relator trala súa visita ao Estado (en inglés)

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis