Noticias Noticias da Mesa

A Mesa pídelle a Feixoo que respecte o dereito das e dos galegos a recibir información na súa lingua na crise do coronavirus

A asociación pola defensa da lingua lémbralle ao presidente da Xunta que usar o galego é unha das súas obrigas e que, en primeiro lugar, se debe ás galegas e galegos

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Compostela, 16 de marzo de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística insta a Feixoo a respectar o dereito da cidadanía galega a recibir na súa lingua información tan trascendental e crítica como a relativa ao establecemento do estado de emerxencia sanitaria, para evitar a expansión do  Coronavirus. “En momentos tan graves como o que estamos a vivir”, denuncia Marcos Maceira, “é necesario que a poboación galega reciba información clara e precisa na súa lingua”. “É un dereito básico da nosa cidadanía”, explica o presidente da entidade de defensa da lingua, ” e, por iso, non se entende que o presidente da Xunta, o conselleiro de Sanidade e o xerente do SERGAS abandonen o uso da nosa lingua no exercicio das súas funcións, precisamente, neste momento trascendental para todas e todos nós”.

A lingua galega é un elemento de cohesión social e de unidade do pobo galego con respecto ao cal os poderes públicos galegos teñen obrigas, tal e como sinala o artigo 5 do Estatuto de Galiza. “Feixoo é o máximo representante de Galiza”, abunda Maceira, ” e dirixirse a galegos e galegas na súa lingua é parte da súa responsabilidade, máis cando se trata de informalo de cuestións que afectan de xeito fundamental á súa vida presente e futura”.

“Se o presidente da Xunta empregou o castelán na súa comparecencia para declarar o estado de emerxencia sanitaria de Galiza porque a quen se dirixía non era á cidadanía galega, senón as persoas que aproveitaron a situación de emerxencia para pasar uns días de ferias no noso país”, conclúe o presidente da Mesa, “recordarémoslle que a súa obriga é defender ou, polo menos, respectar os dereitos da cidadanía galega á que representa e que, para facelo, non pode deixar que a frivolidade dunha minoría irresponsábel convirta a nosa lingua nunha outra vítima do COVID19”.

Para facilitar a información ao público e o traballo naqueles estabelecementos que teñen que manterse abertos nestes días, A Mesa editou uns carteis con información básica de seguridade que se pode desgargar da páxina web ou das redes sociais. A entidade ofrece a súa colaboración ás autoridades sanitarias galegas e lembra que a liña específica de atención ao coronavirus en Galiza é o número 900400116.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis