A Mesa pídelle ao Carballiño que rescinda o contrato coa empresa subcontratada para xestionar o servizo telefónico de atención tributaria do Concello

Marcos Maceira: “Ademais de incumprir de xeito flagrante a lexislación, se non é capaz de entender o galego non pode prestar atención de calidade”

“A cidadanía do Carballiño merece que o servizo de atención do Concello que pagan entenda, como mínimo, a súa lingua”

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2014. –  A Mesa pola Normalización Lingüística ratificouse esta mañá nas queixas formuladas contra o Concello do Carballiño pola vulneración dos dereitos lingüísticos dun cidadán a quen o servizo telefónico de atención tributaria do Concello se negou a atender por empregar a súa lingua. As explicacións ofrecidas por Marnotes á prensa para tentar xustificar o sucedido non satisfan á asociación en defensa da lingua. Segundo recolle hoxe a prensa, Marnotes quixo “aclarar que nunca un empleado del Concello rechazó atender a ningún vecino ni usuario de esta administración por hablar en cualquiera de las lenguas oficiales de la comunidad autónoma de Galicia”, e explicou que “el usuario al que se refiere la Mesa pola Normalización habló con el servicio de atención permanente de la empresa contratada para el cobro de los impuestos y tasas municipales”, recoñecendo implicitamente a veracidade da queixa formulada pola Mesa.

 

Neste sentido, na asociación aclararon que “Cando un cidadán chama ao teléfono de atención tributaria do concello para aclarar uns trámites administrativos sobre os impostos que lle cobra ese concello, ten dereito a que o atendan e o entendan na súa lingua, entre outras cuestións de sentido común porque así o di a lei. Quen está ao outro lado do teléfono está representando o Concello nun acto administrativo, independentemente de se é funcionario, bolseiro ou un call center subcontratado en Xibraltar. Se o servizo se ofrece de forma incorrecta a responsabilidade é do Concello, e o alcalde non se pode limitar a lanzar balóns fóra”.

 

Marcos Maceira respondeu ás declaración do alcalde: “Que Marnotes decidise precarizar o servizo de atención tributaria subcontratando unha empresa incapaz de atender ás e aos galegofalantes non lle resta responsabilidade ao Concello neste caso, máis ben ao contrario, nin xustifica que se vulneren os dereitos lingüísticos da cidadanía”. “Como se poden solucionar as dúbidas da cidadnía se non se entende o que están a dicir? O Concello debe rescindir o contrato ou cando menos exixirlle á empresa garantías de que cumprirá a legalidade”. Así, desde A Mesa lembraron que a lexislación vixente tamén sinala que as empresas privadas concesionarias de servizos públicos deben garantir o dereito dos cidadáns a seren atendidos na lingua oficial da súa elección.

 

Marcos Maceira: “O sucedido é unha mostra de que eliminar postos de traballo nos concellos para privatizar os servizos subcontratando empresas de non se sabe onde só serve para destruír emprego no país e restarlle calidade ao servizo”.

 

Desde A Mesa afirmaron estar convencidos que no Concello do Carballiño hai xente demandando emprego que estaría perfectamente cualificada para desenvolver estes postos de traballo, que ademais son coñecedores da lingua galega, polo que ofrecerían un servizo máis próximo e de maior calidade. Seguro que as veciñas e veciños do Carballiño agradecerán que os seus impostos se revirtan na creación de emprego na propia vila.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra