Noticias Noticias da Mesa

A Mesa pídelle ao Ministro de Ciencia “Liberdade para o galego” e que non reproduza prexuízos e discriminacións contra as linguas minorizadas do Estado

Ducias de persoas reclamaron esta mañá “Liberdade para o galego”, diante da sede da delegación do goberno español en Galiza, na Coruña, despois de que o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades excluíse dos Premios Arquímedes (ligazón á convocatoria) os traballos de fin de grao presentados en calquera lingua oficial do Estado diferente do castelán. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, anunciou que a entidade de defensa de dereitos lingüísticos pediu formalmente unha reunión co ministro para trasladarlle esa mesma solicitude, de “liberdade para o uso da lingua propia” e para reclamar que o Goberno Español deixe de reproducir “prexuízos e unha verdadeira consideración de inferioridade das linguas diferentes do castelán e das persoas que as utilizan”.

Os premios Arquímedes  teñen o obxectivo de “fomentar a investigación científica entre o estudantado universitario premiando o mellores traballos de investigación en todas as áreas do coñecemento levados a cabo por alumnos e alumnas de grao e mestrado das universidades españolas”. Porén, nas instrucións para participar neste certame indícase, en primeiro termo, que o traballo debe estar redixido exclusivamente en castelán, vetando, por tanto, a posibilidade de presentar traballos orixinais realizados en calquera das outras linguas cooficiais nos seus respectivos territorios, excluíndo a posibilidade de o facer en galego, lingua propia e oficial de Galiza (EAG, art. 5). “Deste xeito”, explica Maceira, “por riba da cualidade e interese dos traballos, do seu rigor científico, do esforzo e valía demostrada polo estudantado que opta a estes premios que acadan unha dotación de até 7.000€, o seu Ministerio prima a exclusión de linguas tan válidas como calquera outra para calquera actividade humana e por suposto, tamén a científica, que son ademais oficiais nos seus territorios, e onde as propias universidades, cando menos no caso galego, teñen como obxectivo a súa promoción e normalización”. “Trátase pois”, conclúe, “dunha discriminación evidente que vai en contra do disposto no artigo 10 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas, ratificada polo Estado español en 2001 e que se engade a outras trabas lingüísticas  impostas pola administración educativa do Estado”.
A Mesa pola Normalización Lingüística ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. Tanto polas súas actividades como polo seu número de asociadas/os é a maior asociación do galego e un referente social imprescindíbel no terreo da normalización lingüística. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo. Recorda que todas aquelas persoas que se atopen ou coñezan situacións semellantes á discriminación por parte do Goberno Español poden tramitar a súa queixa a través da Liña do galego. A Mesa tamén promoveu, o pasado mes de abril, o manifesto Pluralidade lingüística: liberdade, igualdade e democracia, xunto a outras organizacións do Estado.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis