Noticias da Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística apoia as demandas das e dos profesionais da dobraxe

Considera a dobraxe un sector fundamental para a normalización da lingua galega

Marcos Maceira: “A exclusión do galego da dobraxe elimina na práctica a presenza da nosa lingua dos produtos audiovisuais, onde se nos nega a máis mínima opción de escolla”

 

A Mesa pola Normalización Lingüística mostrou hoxe a súa preocupación tras coñecer o informe elaborado pola Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe en Galiza (APRADOGA) sobre a situación do sector. Este informe da Asociación de profesionais da dobraxe, indica como é un sector en proceso de desmantelamento en Galiza, con graves consecuencias  de precariedade laboral e de perda de postos de traballo. Neste informe sinálanse reivindicacións necesarias para conseguir un mínimo de presenza da lingua galega nun ámbito fundamental como é o do audiovisual que a Mesa pola Normalización Lingüística apoia

Neste sentido, A Mesa pola Normalización Lingüística xa propuxo a comezos de marzo, ao conxunto da sociedade galega, e agarda resposta do Presidente da Xunta para llas presentar, seis medidas urxentes para a lingua galega. Estas seis medidas urxentes parten do contemplando tanto no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, como na Carta Europea das Linguas.

A primeira destas medidas tiña relación co papel normalizador que debe cumprir a CRTVG  e nomeadamente co establecemento de convenios e acordos con outras canles, distribuidoras e produtoras, que permitan que as dobraxes cheguen a todo o público a través de toda as canles de TV, do cinema ou do mercado de DVD cunha atención especial aos produtos audiovisuais destinados ao público infantil e xuvenil.

O presidente da Mesa Normalización Lingüística, Marcos Maceira, lembrou como a escolla en galego nos filmes, series, documentarios, debuxos animados e outros produtos audiovisuais é practicamente imposíbel, tanto en versión dobrada como orixinal lexendada, no mercado ou na salas comerciais, e que só existe algunha posibilidade de optar polo galego descarregando lexendas de algunhas páxinas web, o que é indicativo da precariedade na que está o galego, que continua sen apoio institucional, e que só a través do voluntarismo e o esforzo desinteresado que se producen pequenos avances.

Maceira indicou como “a exclusión do galego da dobraxe elimina na práctica a presenza da nosa lingua dos produtos audiovisuais, onde se nos nega a máis mínima opción de escolla” e engadiu que “termos a opción de galego é un dereito que non se nos permite exercer ás persoas que queremos facer a nosa vida en galego, no noso país”, e preguntouse se  se pode considerar oficial a todos os efectos unha lingua na que existe unha oferta tan limitada sen que as autoridades públicas fagan nada para solucionalo.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis