A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino exíxenlle á SXPL unha actuación firme e urxente no caso Jungle World

A Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG-Ensino e a profesora Ana Belén Tajes mantiveron unha reunión co secretario xeral de Política Lingüística o luns 19 de outubro. Na reunión, que convocou a SXPL, tratouse o grave caso de racismo lingüístico en Jungle World.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García informou que “a Xunta de Galiza ía actuar neste caso grave de discriminación lingüística”. “A SXPL vai trasladar unha proposta á Consellaría de Política Social e á propia empresa”, dixo o secretario de Política Lingüística. Tamén se comprometeu a manter informadas á Mesa pola Normalización Lingüística e á CIG-Ensino das diferentes actuacións que leven a cabo.

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino solicitóuselle ao secretario xeral de Política Lingüística unha resposta a este asunto coa máxima urxencia e firmeza pola gravidade do acontecido no centro de atención á infancia da Coruña, Jungle World.

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, transmitiulle que “a actuación da SXPL ten que ir encamiñada a restablecer e asegurar os dereitos lingüísticos das traballadoras”. Ademais “o centro Jungle World ten que garantir a oferta positiva da nosa lingua” lembrou Anxo Louzao. Neste sentido, o centro de atención á infancia ten que elaborar unha nova circular onde se garanta o uso do galego polas traballadoras.

A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG- Ensino exixiron que a Xunta inicie unha investigación para ver as responsabilidades neste caso tan grave de vulneración dun dereito fundamental, como é o uso da propia lingua.

Mónica Pazos, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, subliñou que “este caso de racismo lingüístico e galegofobia é unha consecuencia da política lingüística da Xunta de Galiza nestes últimos anos”.

A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino valoran positivamente a información que lles trasladou a SXPL mais lembran que non pode quedar en palabras senón que ten que actuar con urxencia para evitar máis casos de discriminación lingüística.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra