Noticias da Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística participa na delegación de ELEN que denunciará vulneración de dereitos lingüísticos polo Estado español ante o Consello de Dereitos Humanos da ONU

Tras a presentación en xaneiro do relatorio onde se sinalaban casos graves de discriminación lingüística, intervirase directamente ante o Consello de Dereitos humanos.

Este acto coincide coa desestimación por parte do SERGAS da denuncia dun paciente a quen se lle atrasou unha operación tras non se lle dispoñibilizar  a documentación de consentimento en galego e que será xulado en xullo.

Marcos Maceira: “por exercermos o dereito a utilizar a nosa lingua propia padecemos discriminacións moi graves que vulneran dereitos humanos fundamentais”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 22/06/2015-. A Mesa pola Normalización Lingüística, xunto coas entidades que forman parte da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) no Estado español, participará esta quinta feira (xoves) 25 de xuño na sesión do Consello de Dereitos Humanos da ONU que avaliará ao Estado español para denunciar as discriminacións e ataques que sofren as e os falantes das linguas propias de cada territorio, onde se inclúen as producidas en Galiza, e que a Mesa recolle a través do servizo A Liña do Galego.

Esta intervención directa terá lugar tras a presentación en xaneiro diante da Consello de Dereitos Humanos para o seu Exame Periódico Universal, dun relatorio onde se concretaban vulneracións graves dos dereitos humanos polo simples feito de utilizar a lingua propia.

 

Dous anos máis para operarse por pedir o impreso de autorización en galego

A exposición diante do Consello de Dereitos Humanos da ONU producirase unha semana despois de que a Xunta resolvese negativamente a denuncia presentada por un doente en Vigo a quen se lle atrasou case dous anos unha operación, tras requirir asinar a correspondente autorización en galego. O impreso non se lle quixo dispoñibilizar en galego até meses máis tarde, co conseguinte agravamento do seu estado de saúde. Malia a desestimación polo SERGAS, cunha resolución en que porén recoñece a vulneración do dereito a utilizar galego, a denuncia continúa nos tribunais e o xuízo terá lugar o 21 de xullo en Vigo.

Precisamente este é un dos casos que formaban parte dos que a  Mesa achegou ao relatorio entregado na ONU en relación á lingua galega, e que será defendido perante o Consello de Dereitos Humanos pola delegación de ELEN da que fai parte a Mesa.

Para o presidente da Mesa, este e outros casos presentados, “mostran o ensañamento con que se actúa contra quen só quere vivir con normalidade na lingua propia”. O peor, sinala Maceira, “é que que estas actuacións se producen co consentimento ou intervención directa Estado ou da administración autonómica, xustamente as que deberían velar polo cumprimento das máis elementais normas democráticas e de respecto polos dereitos humanos”.

galegoonu

Violación da Carta de Dereitos fundamentais da UE

“Faremos un chamado á comunidade internacional a tomar as medidas necesarias para que as autoridades competentes no Estado español aseguren realmente a igualdade das linguas e deixen de amparar as discriminacións”, indicou Maceira, que tamén lamentou “que non sexa a propia Xunta de Galiza, co seu presidente á cabeza, quen actúe con accións como esta, para defender os dereitos lingüísticos do pobo galego, sexa onde for, mesmo en Xenebra, porque é a súa obriga legal e moral e porque ten que defender a dignidade de todas e todos nós.

“A Mesa só sinala unha pequena parte dos abusos que realmente se producen cada día e non se denuncian. É comprensíbel que ás e aos falantes dunha lingua oficial lles aconteza isto? Ula oficialidade? Ulo dereito real a utilizar o galego? “,preguntouse.

Na mesma liña, o secretario xeral de ELEN, Davyth Hicks, sinalou que “considerando a grande cantidade de probas detalladas no relatorio, é evidente que a discriminación contra as linguas diferentes do español é sistémica Estado español, e que esta discriminación se tornou institucionalizada” polo que anunciou que tras a denuncia na ONU “ELEN vai chamar á UE a abrir un proceso contra España por violación da Carta de Dereitos fundamentais”.

Tras a comparecencia diante do Consello, que poderá seguirse a través da canle da ONU, os representantes de ELEN ofrecerán na propia sede da ONU en Xenebra unha conferencia informativa dirixida á imprensa e ás delegacións de diferentes ONGs presentes na ONU.

A delegación de ELEN  estará composta polo Profesor Ferran Suay (Acció Cultural del País Valencià), Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüística, Galiza), Rosa de les Neus Marco e Marga Payola (Plataforma per la Llengua, Cataluña ), Inaciu Galan e Maria bordillo (Iniciativa pola Asturianu, Asturias).

Relatorio ELEN na páxina do CDH da ONU (A/HRC/29/NGO/108)

Dossier discriminacións denunciadas pola Liña do galego 2013

relatorio galego ONUA MESA – RELATORIO+DENUNCIAS

Dossier discriminacións denunciadas pola Liña do galego 2013

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis