A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa pola Normalización Lingüística solidarízase co alumno do IES Breamo de Pontedeume expedientado por fotografarse cunha cartulina co lema: “Defender a lingua non é delito”

A Mesa mostra ademais a súa preocupación polos continuos ataques e campaña de criminalización que está a recibir o amplo movemento social de apoio á lingua propia de Galiza

Santiago de Compostela. 30 de maio de 2014. A Mesa pola Normalización Lingüística súmase aos apoios ao alumno do IES Breamo de Pontedeume expedientado por fotografarse, e pendurar posteriormente nas redes sociais, cunha cartulina onde se podía ler “Defender a lingua non é delito”, en relación coas persoas xulgadas por oporse á manifestación do odio e a galegofobia que percorreu as rúas de Santiago de Compostela o 8 de febreiro de 2009, secundada ademais de por diferentes faccións da Falange, por outros coñecidos ultradereitistas como Saez de Inestrillas cun amplo historial delicitivo.

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “o exercicio da liberdade de expresión nun centro de ensino non pode ser causa de apertura de expediente a un alumno”, e sinalou ademais que “curiosamente determinados procesos sancionadores só se inician contra movementos sociais que se opoñen ás políticas do goberno, nomeadamente a defensa do idioma galego, e lembrou que a plataforma cidadá Queremos Galego ten aberto un proceso de sanción por manifestarse polas rúas de Santiago.

Maceira lembrou que “as persoas que lexitimamente defendemos o idioma galego non somos delincuentes, polo contrario, demandamos o cumprimento efectivo e real do establecido, entre outra lexislación, na Lei de Normalización Lingüística ou no Plan Xeral de Normalización da lingua galega aprobadas por unanimidade no Parlamento Galego”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra