A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa pregunta á Xunta se vai reclamar ao xuíz Fraga Mandián que cumpra coa Lei de normalización lingüística

O 17 de febreiro, unha parella de Vigo tivo que casar con intérprete por se negara xuíza a oficiar a voda en galego

A Mesa exixe á Secretaría Xeral de Política Lingüística que garanta o dereito a da cidadaníaa unha xustiza en galego

Valentín García anunciou hai uns días no Parlamento que non pensa actuar no caso do xuízo a Carlos Callón, denunciado por exixir o cumprimento da Lei de normalización lingüística

A Mesa valora con “especial preocupación” que o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, anunciase no Parlamento de Galiza que non pensa actuar ante os casos de evidente vulneración de dereitos lingüísticos que se están a producir no ámbito da xustiza.

A entidade cidadá en defensa do idioma considera “moi grave” que o departamento de García González “non teña nada que dicir” mesmo ante casos de persoas que están a ser denunciadas e enxuiciadas por defenderen o dereito ao uso normal do galego no ámbito xudicial e o cumprimento das leis; o último, o de Carlos Callón, presidente da Mesa e portavoz da plataforma unitaria Queremos Galego, que chegou a ser denunciado polo ex xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, por censurar publicamente que este maxistrado se gabase de incumprir a legalidade. A Mesa pregunta á Xunta se vai facer algo para que este maxistrado cumpra coa Lei de normalización lingüística, “pois xa está ben de que teñamos que ser os cidadáns e as cidadás quen teñamos que actuar ante os brazos caídos do Goberno galego, mesmo para algo tan elemental como que o resto dos poderes públicos cumpran coa lexislación autonómica básica referida ao idioma”.

Para a asociación presidida por Callón, “clama ao ceo” que a Secretaría Xeral de Política Lingüística opte, unha vez máis, “polo silencio administrativo” ante casos autenticamente “kafkianos” como o da parella que tivo que casar nun xulgado vigués, o pasado 17 de febreiro, asistida dun intérprete para o poder facer en galego. “Situacións esperpénticas que non é a primeira vez que se producen en pleno século XXI”, advirte A Mesa, “ante as cales Valentín García prefire arrombar a súa condición de sociolingüista e abaixar a cabeza”, engade a entidade.

A maior asociación cultural de Galiza considera que o “silencio” e a “desidia” da Xunta de Galiza á hora de garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía e o cumprimento das leis causan “sensación de desamparo” nas persoas que desexan “poder vivir en galego” na súa propia terra e supoñen, na práctica, unha “desprotección xurídica” que converte o dereito ao uso da lingua propia en “accesorio”. Exixir o dereito básico a “ter galego” na xustiza é unha das reividicacións coas que A Mesa chama a cidadanía galega a se mobilizar masivamente o vindeiro 17 de maio no marco da gran manifestación que xa prepara a Plataforma Queremos Galego, que sairá ás 12 da mañá da Alameda de Santiago de Compostela.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra