A Mesa presentará unha proposición non de lei de medidas de normalización lingüística no sector audiovisual

O 14 de abril tivo lugar en Santiago de Compostela a asemblea xeral da Mesa pola Normalización Lingüística. Nela aprobáronse a liña de actividades para este ano 2018.

Na asemblea avaliouse tamén o traballo desenvolvido durante o último ano e aprobouse a liña de actividades para 2018 que irán orientadas a dar unha resposta social máis ampla e efectiva ao coñecemento da realidade sobre a que hai que actuar.

A asemblea xeral da Mesa aprobou impulsar o Observatorio de Dereitos Lingüísticos e o proxecto Abertos ao Galego. O Observatorio de Dereitos Lingüísticos ademais do asesoramento xurídico elaborará informes sobre a situación do galego en diversos ámbitos.  Abertos ao Galego incidirá na visibilización e promoción do crecente compromiso empresarial co idioma.

Ademais destes dous proxectos principais, a Mesa pola Normalización Lingüística presentará este ano unha proposición non de lei no Parlamento de medidas de normalización lingüística no sector audiovisual.

Estas actividades pretenden dar un impulso á actividade xeral da Mesa e á súa capacidade de actuación fronte ás agresións continuas ao dereito básico de utilización do galego. Neste sentido, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinalou que “fronte a unha Xunta que abdica da súas obrigas coa lingua, hai unha enorme vontade popular de reposición e normalización”.

A responsabilidade da Mesa é que esa vontade se transforme en realidade. Maceira sinalou que “por iso temos a obriga de mellorar o noso traballo a prol da lingua. Un traballo que é posíbel grazas aos socios e socias que garanten a estabilidade económica e a independencia da Mesa e fan que sexa a asociación cívica máis grande de Galiza”.

A Mesa apoia a saída de O Diario Galego pois a existencia dun xornal diario en papel en galego.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra