A Mesa promove, xunto con entidades do resto do Estado, un manifesto a prol da pluralidade lingüística

Pontevedra, 10 de abril de 2019.- Pontevedra acolleu esta mañá a presentación do Manifesto a prol da pluralidade lingüística: liberdade, igualdade, democracia promovido por entidades de todo o Estado. A Mesa pola Normalización Lingüística, Kontseilua (Euskal Herria), Ómnium Cultural, Ciemen e Plataforma per la Llengua (Cataluña), Acción Cultural del País Valencia (País Valenciá), Nogará (Aragón) e Iniciativa pel Asturianu (Asturias) impulsan este escrito, que se presentou simultaneamente en Pontevedra, Barcelona, Valencia e Donostia.

O manifesto conxunto a prol da pluralidade lingüística recolle a situación de desigualdade manifesta das linguas diferentes do castelán no Estado español, que recentemente foi denunciada en organismos internacionais como a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, o Parlamento Europeo ou o Consello de Europa e mais no Congreso español. “Existen máis de 500 disposicións legais amparan o español”, recordou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, na presentación. “Coñecer a lingua propia de cada territorio, no caso de Galiza o galego”, explicou, “non é requisito para o acceso á administración pública, incluída xustiza ou os corpos de seguridade; a presenza nos medios de comunicación públicos do Estado é anecdótica; e a lexislación restrinxe a presenza das linguas na etiquetaxe e información de produtos”. “O incumprimento da Carta Europea das linguas é flagrante”, concluíu, “e tal e como recolle o manifesto conxunto esta situación debe ser recoñecida, para avanzarmos nun Estado democrático”.

“Só desde posicións de odio, favorábeis á discriminación e contrarias ao pluralismo”, asegurou Maceira, “se pode defender a situación actual”.  “O Estado español é plurilingüe”, recordou, “e non pode recoñecer máis dereitos a quen fala unha das linguas que existen dentro do seu territorio, todas e todos os cidadáns temos os mesmos dereitos e deberes”. “As linguas son mostra de diversidade e non hai linguas superiores a outras”, asegurou o presidente da Mesa, “todas son útiles para a comunidade que a fala e precisas para o desenvolvemento cultural e social da súa comunidade”. A igualdade entre as linguas é igualdade entre os cidadáns”, concluíu.

“Para garantir a igualdade lingüística”, recolle o manifesto, “o Estado debe estender deberes e dereitos dos que até agora só se beneficiou o castelán, como son a capacitación en linguas propias do persoal de todas as administracións públicas, incluída a de xustiza, o seu uso xeralizado nas páxinas oficiais e o seu recoñecemento a nível internacional e paridade co castelán. Así mesmo  debe pór fin á imposición legal exclusiva do castelán na normativa estatal, que afecta de maneira frontal ao ámbito económico e singularmente á etiquetaxe, e debe de emprender unha política decidida para rematar coas discriminacións lingüísticas e para difundir o coñecemento e o respecto por todas as nosas linguas”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra