Noticias da Mesa

A Mesa publica unha carta ao Apalpador e unha unidade didáctica con actividades e xogos

Estes materiais para o uso escolar e familiar e o catálogo dispoñíbel na súa web completan a oferta de recursos para que a cativada galega poida gozar o Nadal na súa lingua

Compostela, 12 de decembro de 2018.- Nestas datas previas ao Nadal, a Mesa pola Normalización da Lingüística publica na súa web, para libre descarga, unha carta ao Apalpador e unha unidade didáctica ilustradas por Oscar Villán cunha decena de actividades e xogos ao redor da figura mítica do carboeiro que, segundo recolle a tradición, baixa das montañas as noites do 24 ou do 31 de decembro para apalpar a barriga das nenas e dos nenos e para deixarlles castañas e agasallos para gozar o ano novo. A Mesa completa, así, con estes materiais para o uso escolar e familiar e mais co catálogo de agasallos tamén dispoñíbel na súa web, a oferta de recursos para que a cativada galega poida gozar o Nadal e xogar na súa lingua.

Segundo os datos do Informe da lingua dos xogos e xoguetes elaborado por Sonia Calo o ano pasado e dispoñíbel na web da Mesa, a situación da lingua galega nestes produtos, dun ámbito tan prioritario como é o da infancia, é tan precaria que unicamente o 0,6% dos xoguetes teñen opción de galego, porcentaxe que cae até o 0,38% cando só están en galego. Para a Mesa, “cómpre un goberno comprometido coa lingua que apoie os fabricantes que apostan por facer xogos e xoguetes en galego, mais mentres isto non ocorre é a sociedade a que debe impulsar os avances” e, neste sentido, enmárcanse as súas propostas para o Nadal.

A Mesa pola Normalización Lingüística é unha plataforma independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo. Está composta por 4.000 socias e socios, que a converten na maior asociación cultural de Galiza.

Tedes dispoñíbeis para descarga a carta e as actividades co Apalpador.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis