Noticias da Mesa

A Mesa reclama á dirección do PSdG-PSOE que desautorice publicamente a moción en Muros contra o uso do galego

Carlos Callón: “O delirio galegófobo da alcaldesa socialista pretende facer pasar como vítima de discriminación lingüística a quen, cobrando do diñeiro público, prohibe á veciñanza de Muros falar galego nas dependencias do concello”

“É difícil de entender que o PSOE de Muros lle faga o xogo ao PP nesta fedorenta política contra a cultura galega e contra os dereitos lingüísticos da poboación”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2013.- A Mesa pola Normalización Lingüística amosou o seu “abraio e indignación” pola intención da alcaldesa socialista de Muros, Caridad González, de aprobar no próximo pleno do concello unha moción rexeitando o uso preferente do galego na Administración, e xustificar así o seu incumprimento reiterado do “Regulamento municipal de uso do galego” vixente no concello muradán.

 

Caridad González “presenta o mundo ao revés” e entende que garantir o dereito legal da veciñanza de Muros de se dirixir en galego ao Concello é “unha medida discriminatoria por razón de lingua”, disque porque iso fai que a Administración local estea obrigada a contratar persoal capaz de entender ese complicado idioma local.

 

A orixe do conflito parte das queixas da veciñanza ante a actitude galegófoba do asesor xurídico do concello, José Luís Barro. Este cargo, a pesar de cobrar das arcas municipais e de actuar en representación da Administración, impide que os veciños e veciñas de Muros se dirixan a el en galego, tanto nas reunións no gabinete da alcaldía como nos xuízos nos que participa representando o Concello de Muros. (Pódese ver un vídeo sobre isto en: http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/467)

 

En lugar de corrixir esta grave situación, o PSOE de Muros decidiu presentar unha insólita moción. No pleno municipal de mañá, 25 de abril, o grupo socialista defenderá a actitude do asesor xurídico, sinalando que non se lle pode exixir que coñeza a lingua dos seus veciños. Nun xesto de magnánima xenerosidade, porén, a moción presentada pola alcaldesa Caridad González apunta que “por escrito” o Concello se compromete a usar o galego “pola existencia de ferramentas e medios que permiten a un castelán/parlante (sic) poder traducir os seus textos ao galego”, como se o galego fose un idioma estranxeiro en Muros e non apto para usar no día a día con normalidade.

 

 Faceren pasar lobos por años

 

O presidente da Mesa, Carlos Callón, salientou o enorme cinismo da moción presentada polo grupo socialista, asegurando que “non enganan a ninguén querendo facer pasar lobos por años”. “O delirio galegófobo da alcaldesa socialista, aplaudido polo PSOE local, pretende camuflar como vítima de discriminación lingüística a quen, cobrando do diñeiro público, prohibe á veciñanza de Muros falar galego nas dependencias do concello”, sinalou o presidente da Mesa.

 

Neste sentido Callón lembrou que son os cidadáns os que teñen dereito a escolleren a lingua oficial en que se relacionan coa Administración, e o persoal da Administración ten a obriga de utilizar a que os cidadáns prefiran. “Este dereito non se garante co tradutor de Google, como pretende a alcaldesa de Muros, senón cun bo coñecemento do galego, obriga amplamente avalada pola doutrina tanto do Supremo como do Constitucional”, apunta o portavoz da entidade cidadá. “Na súa vida privada calquera pode expresarse na lingua que preferir, mais en horario laboral ningún traballador da Administración pode exixirlle a un cidadán que non se dirixa a el en galego, como está a acontecer agora mesmo en Muros”.

 

A maior asociación cultural de Galiza considera “extremadamente grave” a moción defendida polo grupo socialista muradán por “violentar os consensos básicos sobre o estatuto legal da lingua propia de Galiza e os dereitos lingüísticos que a Administración debe garantir á cidadanía”. Neste sentido A Mesa pola Normalización Lingüística reclamou á dirección do PSdG-PSOE que desautorice publicamente a postura do seu grupo en Muros.

 

O marco lexislativo galego é claro, e a categoría de “lingua propia”, para alén de marcar a oficialidade do galego, implica o mandato do seu uso normal por parte das administracións públicas de Galiza. Ademais, os poderes públicos galegos deben tamén potenciar o seu emprego en todos o planos da vida (art. 5.3 do Estatuto de Autonomía) e, máis en concreto para o caso que nos ocupa, deben promover “o uso normal da lingua, oralmente e por escrito, nas súas relación cos cidadáns (apartado 3 do artigo 6 da Lei de normalización  lingüística). Do mesmo xeito, a Lei de administración local de Galiza estabelece no seu artigo 7 que o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración local, e que todos os actos de carácter público ou administrativos que se realicen por escrito no nome das corporacións locais se redactarán en lingua galega.

 

 

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis