Noticias da Mesa

A Mesa reclámalle á Xunta que atenda o informe preliminar da ONU sobre as vulneracións dos dereitos lingüísticos en Galiza

A entidade reitéralle, unha vez máis, a Alberto Núñez Feixó a súa disposición a colaborar e a “estudar conxuntamente a modificación de todo o preciso para avanzarmos, incluíndo a esixencia ao goberno central de respecto pola diversidade lingüística naqueles aspectos que non son competencia autonómica”

Compostela, 29 de xaneiro de 2019.- A Mesa pola Normalización Lingüística reclamoulle esta mañá por escrito ao presidente da Xunta que corrixa as eivas na garantía dos dereitos lingüísiticos da poboación galega sinaladas o pasado venres, día 25 de xaneiro, por Fernand de Varennes, relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, no seu informe preliminar. O informe definitivo será presentado no Consello de Dereitos Humanos da ONU en marzo de 2020, no que constituirá a primeira vez que un organismo da ONU tomará posición en relación aos dereitos lingüísticos en Galiza.

Para a elaboración deste informe, De Varennes contou coa opinión da Mesa e nel sinala importantes eivas en relación aos dereitos lingüísticos no Estado, concretamente nos ámbitos da xustiza, da administración pública e do ensino. “Todas elas”, recórdalle o presidente da Mesa Marcos Maceira a Alberto Núñez Feixó na súa carta, “relacionadas con Galiza e coa súa lingua propia, o galego. Todas elas, na orixe das importantes mobilizacións sociais dos últimos anos na defensa do noso idioma”.

Galiza debe cumprir os estándares internacionais fixados en documentos da importancia da Declaración universal dos dereitos lingüísticos, da Carta europea das linguas rexionais ou minorizadas ou do recente Protocolo para garantía dos dereitos lingüísticos de 2016, así como tamén coas normas propias, como a Lei de normalización lingüística e o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobados por unanimidade no Parlamento galego. “A garantía de exercicio dos dereitos democráticos contemplados nestes documentos”, insiste A Mesa no seu escrito, “é imprescindíbel para avanzarmos na normalidade lingüística, o que atinxe ás institucións públicas galegas e estatais e de xeito particular, por mandato estatutario, á Xunta de Galiza”.

A Mesa pola Normalización presentoulle ao relator especial da ONU, Fernand de Varennes, un informe detallado sobre a situación en Galiza e comprometeuse a mantelo informado da evolución ao respecto. A entidade reitéralle, unha vez máis, ao presidente da Xunta a súa disposición para colaborar e “estudar conxuntamente a modificación de todo o preciso para avanzarmos, incluíndo a esixencia ao goberno central de respecto pola diversidade lingüística naqueles aspectos que non son competencia autonómica”, para o que lle solicita un encontro.

Reflexións preliminares do Relator Especial con respecto ás linguas

A Guía práctica de 2017 sobre os dereitos lingüísticos das minorías lingüísticas publicada baixo o mandato do relator especial da ONU sobre cuestións das minorías destaca o papel central e a importancia do idioma para as minorías lingüísticas e pon de manifesto as obrigas do Estado en virtude de diversos instrumentos do tratado da ONU. A competencia das comunidades autónomas nos campos da educación, dos servizos sociais e doutras áreas levou a unha variedade de modelos e prácticas que se adoptan en diferentes comunidades autónomas e reflicten contextos, poboacións e expectativas moi diversos.

Unha preocupación atopada polo relator especial en varias ocasións en reunións con organizacións da sociedade civil foi a sensación de que existía unha desconexión entre o estado reclamado dos idiomas cooficiais e o alcance do seu uso real e da implementación da lexislación. Por exemplo, sinalouse que os xuíces e os funcionarios encargados de facer cumprir a lei, como a policía nacional, non están suxeitos a ningún requisito de coñecemento dun idioma cooficial, até cando exercen nunha comunidade autónoma. Suxeriuse que isto conduce a un número significativo de queixas e frustracións nalgunhas comunidades autónomas e a desafortunados malentendidos e até á negación ou discriminación no acceso aos servizos públicos.

Segundo o recomendado por outras organizacións internacionais, incluído o Comité de Ministros do Consello de Europa, disposicións como o artigo 231 da lei orgánica do poder xudicial son un obstáculo importante para o cumprimento por parte de España das súas obrigas internacionais en relación co uso cooficial das linguas minoritarias, xa que estipula que nos procedementos xudiciais, os xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios e outros funcionarios utilizarán a lingua castelá e que as linguas minoritarias cooficiais só se permitirán se ningunha das partes se opón. Isto, na práctica, levou a que en moitos, se non na maioría dos casos, as autoridades xudiciais penais, civís e administrativas non permitan os procedementos en comunidades autónomas na lingua minoritaria cooficial, mesmo se o solicita unha parte. Este obstáculo xeral para o uso dun idioma cooficial minoritario xera preocupacións en canto ao cumprimento das obrigas internacionais de dereitos humanos que se detallarán no informe final.
A Mesa pola Normalización Lingüística
É unha entidade social independente, constituída en 1986 e da que forman parte arredor de 5000 socias e socios e que ten como obxectivo a normalidade plena da lingua galega. Neste sentido, a defensa do dereito ao emprego do galego en Galiza en todas as situacións e contextos é unha das súas principais liñas de actuación. Entendemos que o dereito ao uso da lingua propia non se pode desligar dos máis elementais dereitos humanos, civís e democráticos. A entidade dotouse do Observatorio de Dereitos Lingüísticos que conta cun comité asesor formado por xuristas e persoas expertas en diferentes ámbitos. O Observatorio elabora relatorios e informes que envía a diferentes institucións públicas galegas, estatais ou, recentemente, ao comité de expertos do Consello de Europa para a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas. Anualmente presenta publicamente o seu informe A Liña do Galego baseado nos casos de vulneracións de dereitos lingüísticos, mais tamén nas consultas ou parabéns a quen si os garante. A Mesa pola Normalización Lingüísitica forma parte da Rede Europea para a Igualdade das Linguas – ELEN.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis