A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa reclámalle ao Goberno español que arbitre as medidas para readmitir as candidaturas rexeitadas por teren un documento en galego, catalán ou vasco

Carlos Callón: “O Goberno español incumpre a Lei e, por moito que agora vendan o contrario nos medios, mesmo incumpren a convocatoria de contratos predoutorais, pois a exixencia de español ou inglés só figura para universidades de fóra do Estado”

“Non resulta moi comprensíbel por que a Xunta se ofrece a traducirlle ao Ministerio unha documentación que o Ministerio ten obriga por Lei de aceptar”

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2013.- A Mesa reclámalle á Xunta e ao Goberno español unha “acción política decidida” para que se “readmitan as candidaturas rexeitadas por teren un documento en galego, catalán ou vasco”. O presidente da colectivo cidadán en defensa do idioma de Galiza, Carlos Callón, observa que “é unha decisión que lle compete ao Ministerio de Economía, mais ante a cal o Goberno galego non pode limitarse a se ofrecer como axencia de tradución, pois todo o mundo sabe que non se trata dun problema de incomprensión, senón dun problema ideolóxico (de intolerancia cara á diversidade cultural do Estado) e dun problema legal (de recoñecemento da validez oficial doutros idiomas alén do castelán)”.

 

O portavoz da maior asociación cultural de Galiza lembra ademais que o Ministerio se está a comportar “non só dun xeito incívico, senón tamén manifestamente ilegal”. A Lei indica que é a propia Administración central a que se debe encargar de traducir os documentos dun expediente redactados nunha lingua cooficial distinta do castelán cando teñan que surtir efectos fóra do seu territorio. Entre outras normas, así o estabelece o artigo 36 da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administración públicas e procedemento administrativo común e a disposición adicional sexta da Lei 11/2007, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. “Negalo é negar a oficialidade do galego e colocarnos totalmente como cidadáns de segunda”, observan.

 

Así, “por moito que nos queiran confundir desde o PP, unha convocatoria no BOE non pode estar por riba da Lei e, ademais, nin tan sequera esta convocatoria nega a documentación en galego, catalán ou vasco. O que temos é unha lectura propositadamente pitoña desta norma, para así recortar dereitos lingüísticos”, apunta Callón. “Quen lea a convocatoria, verá que a obriga de entregar un documento en español ou inglés só é válida para as universidades foráneas ao Estado”. No artigo 22.4.c de dita convocatoria (publicada no BOE de 14 de agosto deste ano), que é ao que apela o Ministerio para negar o galego, catalán ou vasco, dise o seguinte:

 

 “Cuando se trate de certificados expedidos por centros extranjeros se hará constar además cuales son las calificaciones máximas y mínimas dentro del sistema de evaluación correspondiente y cuál es la calificación mínima para aprobar. Si la certificación académica está expedida en un idioma distinto al español o inglés, deberán acompañarla de la correspondiente traducción oficial a uno de estos dos idiomas”.

 

Tendo en conta a situación, desde A Mesa consideran “totalmente incomprensíbel” por que a Xunta se ofrece agora para traducir a documentación en galego “que o Ministerio debería admitir por Lei”. “Non sería mellor que a Xunta instase o Ministerio a cumprir a Lei? Se non, en que fica a oficialidade do noso idioma, en que a Xunta sexa unha axencia de traducións para cidadáns de segunda?”, pregunta Callón, quen tamén rexeita que “o conselleiro de Educación queira aproveitar a oportunidade para instar as universidades galegas a que deixen de usar o galego con normalidade”. “O que debería facer o conselleiro é cumprir coas súas obrigas: defender as nosas institucións, as nosas universidades, os nosos estudantes e a nosa lingua”, conclúen desde A Mesa.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra