Noticias da Mesa

A Mesa reproba que o galego sexa a única lingua do Estado a que non se está a traducir twitter

A pesar de que o galego é a 36ª lingua do mundo en que máis se tuitea e a 3ª do Estado español (por detrás do castelán e do catalán, por diante do vasco) vai carecer de versión

Carlos Callón: “Esta noticia por si soa debería supor a dimisión ou cesamento do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta. Claro que para iso tería que haber dignidade e sentido da responsabilidade”

A Mesa anima a que se multipliquen as solicitudes cidadás individuais para que tamén se traduza twitter ao galego, a través da páxina http://translate.twttr.com/lang_request

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A Mesa pola Normalización Lingüística considera “un símbolo moi negativo” da situación do idioma galego que Twitter acabe de anunciar a súa tradución ao vasco e ao catalán e que o idioma propio de Galiza “fique fóra”. O presidente da maior asociación cultural de Galiza lembra que “todas as tentativas que houbo até o momento para que haxa opción de twitter en galego partiron da base social, sen ningunha acción de apoio por parte da Xunta”.

 

Carlos Callón considera que a noticia da exclusión do galego en twitter, “por si soa, debería supor a dimisión ou cesamento do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta”. “Claro que para iso tería que haber dignidade e sentido da responsabilidade, e á vista da política de continuados ataques contra o galego por parte do goberno de Núñez Feijóo, está claro que non é ese o caso”, lamenta.

 

O portavoz da Mesa lembra tamén que a investigación sobre as linguas que se usan en twitter que se deu a coñecer a finais do ano pasado demostra que, dos máis de 6.000 idiomas que existen no mundo, o galego ocupa o “moi meritorio” posto 36 en uso nesta rede social. “A pesar das moitas dificultades que se nos colocan no día a día para exercemos os nosos dereitos, ben se ve que a nosa lingua e cultura existen e que teñen unha demanda social que non se corresponde co nulo apoio institucional que reciben”, apunta.

 

Ademais, no ámbito do Estado español, ese mesmo estudo indicaba que o galego era a 3ª lingua máis utilizada nesta rede social, por diante do vasco, o cal non está a ser dificultade ningunha para que ese milenario idioma teña a xusta e merecida tradución que se lle nega á lingua propia de Galiza.

 

A pesar do positivo destes datos, desde a organización en defensa do galego sublíñase que no ano 2009 a situación “aínda era mellor”. Daquela, un estudo realizado por Web Ecology Project concluía que o galego era a 21ª lingua máis utilizada en twitter en todo o mundo, mesmo por diante do catalán e de máis de cen idiomas que teñen máis falantes que os que hai en Galiza. Daquela, o galego, “pódese dicir que de xeito pioneiro”, era o único idioma non oficial nun Estado que figuraba na listaxe mundial.

 

Desde A Mesa animan por todos estes motivos a que, “a pesar do nulo apoio da Xunta, volvamos a demostrar a forza deste pobo para continuar a existir”, a través do envío de mensaxes individuais á páxina de peticións de tradución de twitter: http://translate.twttr.com/lang_request

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis