Noticias da Mesa

A Mesa resposta á pretensión Ciudadanos de eliminar o dereito a utilizar o galego na administración

A Mesa insta aos responsábeis deste partido a se informaren e repararen en que ningunha oposición á administración do Estado esixe o requisito de coñecemento da lingua cooficial

Marcos Maceira: “Como se poden prestar servizos á cidadanía sen coñecer a súa lingua?”

O único que se pretende é dar amparo legal á vulneración dos dereitos lingüísticos por parte da Administración e nomeadamente pola do Estado

Santiago de Compostela, 26 de setemebro de 2018-. A Mesa pola Normalización Lingüística pronunciouse hoxe a respecto do debate da Proposición de Lei promovida por Ciudadanos -partido sen representación por Galiza- , através da que se pretendía a modificación do Estatuto básico do empregado público para, segundo manifestaron responsábeis deste partido, prohibir que se exixa o coñecemento das linguas cooficiais ao funcionariado que deba prestar servizos nos territorios con lingua propia.

A Mesa quere lembrar que é o funcionariado quen presta servizos para a mellor atención á cidadanía e que esta atención, for ou non presencial, require o coñecemento das linguas que o administrado ten dereito de empregar. Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, esta proposta “só pretende restrinxir ou prohibir o exercicio do dereito das e dos cidadáns a se dirixiren na súa lingua á administración e a ser atendidos e entendidos nela, calquera que for o trámite”.

Limites xa existentes. Prohibir o galego.

A Mesa lembra tamén que esta limitación xa existe na práctica, por moito que a lexislación internacional, estatal e nacional non a amparen, o mesmo exista um compromiso do Estado para garantir o coñecemento das línguas cooficiais por parte do funcionariado nos lugares onde empresten servizos, tal e como contempla a Carta Europea das Linguas.

Segundo sinala A Mesa no informe da Liña do galego de 2017, o 54% das queixas teñen relación coa vulneración dos dereitos lingüísticos por parte da administración.

“Agora pretenden prohibir de novo o uso do galego culpabilizando ás vítimas e negando dereitos humanos básicos como non padecer discriminación por razón de lingua”. “Se esta discriminación é grave nas empresas privadas é máis na administración pública que debe velar por estes dereitos “, engadiu o representante da entidade en defensa do idioma galego.

A respecto da Administración Xeral do Estado, A Mesa insta a Ciudadanos a se informar antes de insistir na falsidade que só reflicte prexuízos e vontade de exterminar calquera sinal de pluralismo lingüístico e cultural. “Se estivesen informados saberían que non existe na Administración Xeral do Estado o requisito de coñecemento das linguas cooficiais, como poden comprobar cunha simples vista de ollos na última convocatoria publicada no BOE en xaneiro”, afirmou Maceira.

Segundo indicou o presidente da Mesa, “o máis habitual hoxe é que grande parte dos trámites na Seguridade social ou en facenda non se poidan realizar en galego”.

Pero a ver hombre! ¿usted no sabe hablar español?

Precisamente este descoñecemento é o que está detrás de resposta como “!Pero a ver hombre! ¿usted no sabe hablar español?”, das interminábeis esperas por atención en galego tras premer a opción telefónica correspondente, da negativa a atender que fale galego por membros das forzas de seguridade ou mesmo da multa, recorrida e gañada pola Mesa, que a AEAT pretendeu impor á entidade en defensa da lingua, argumentando dilacións por demandar a documentación en galego nun procedemento iniciado pola propia entidade cívica.

Esta situación xeralizada na Administración Xeral do Estado tamén afecta á Xunta como evidencia o caso das funcionarias de Lugo que protagonizar unha agresión lingüísitica reconhecida pola propia Xunta.

Esta iniciativa de Ciudadanos contra a pluralidade lingüística, e contra a lingua galega en particular, non é nova. No concello de Ferrol este partido xa quixo derrogar a Ordenanza de normalización Lingüística. Baixo o argumento falaz da obrigatoriedade pretende prohibir a utilización da lingua propia na administración. O avanzado neste dereito foi unha conquista da sociedade galega que se mobilizará ante calquera retroceso. Esta política agresiva no Estado contra as linguas propias é máis propia do século XIX que do XXI.

Maceira instou tamén ao Partido Popular de Galiza a se posicionar con claridade e a Xunta de Galiza a exercer activamente as súas obrigas de defensa e promoción da lingua galega non só de palabra mais tamén con feitos, comezando por retirar as modificacións introducidas na lei da función pública para non ter que demostrar na práctica o dominio da lingua galega, máis que cun simples certificado.

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis