Noticias da Mesa

A Mesa saúda a colaboración entre TVG e RTP ante a emisión do seu primeiro programa conxunto

A Mesa pediu que se afonde na colaboración de ambas as canles públicas e demandoulle ao Goberno que facilite dunha vez a recepción das radios e televisións portuguesas na Galiza

Marcos Maceira: “É preciso continuar con pasos como este e abrir definitivamente a comunicación nas dúas beiras do Miño”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2014.- A Mesa pola Normalización Lingüística trasladou esta mañá os seus parabéns á Televisión de Galicia e a Rádio-Televisão de Portugal (RTP) polo paso histórico que darán este sábado día 6 coa realización e emisión dun programa conxunto por primeira vez na historia das dúas canles públicas, nun camiño de colaboración que A Mesa considera enormemente positivo para a nosa lingua e cultura e no cal anima a afondar. 

 

O especial realizarase o vindeiro sábado 6 de setembro desde Ourense, e emitirase conxuntamente en directo a través das primeiras canles de TVG e RTP, cunha audiencia potencial directa dos 13 millóns de persoas que suman as poboacións de Galiza e Portugal ás que se suman os espectadores e espectadoras das canles internacionais de ambas corporacións, que chegan á ampla comunidade lusófona no mundo así como á diáspora galega.

Este programa conxunto, que leva por nome “Aquí Portugal” consistirá nunha edición do magazine que desde hai anos se leva emitindo con grande éxito os sábados á tarde na canle lusa, semellante ao “Aquí Galicia” que a TVG comezou a emitir o pasado mes de xuño, con entrevistas, reportaxes e música.

Marcos Maceira: “É preciso continuar con pasos como este e abrir definitivamente a comunicación nas dúas beiras do Miño. Só cómpre vontade política para non lle dar as costas á lingua e cultura que partillamos Galiza e Portugal e para garantirmos o dereito de ampliar o acceso ao material audiovisual do resto do noso sistema lingüístico, par o cal a televisión é un medio fundamental”.

A Mesa lembrou que leva anos apostando pola necesidade dun maior relacionamento cultural coa outra beira do Miño, e nomeadamente demandando medidas que posibiliten a recepción das radios e televisións portuguesas na Galiza.  Neste sentido, denunciou que malia os pronunciamentos favorábeis de anteriores Gobernos e dos diferentes grupos políticos no Congreso dos Deputados nunca se atenderon estas demandas de maneira efectiva, malia haber lexislación comunitaria que ampara este dereito.  A Asociación en defensa do idioma lembrou que a Carta Europea das Linguas, ratificada polo Estado español en 2001, estabelece no seu artigo 11 que os estados asinantes deben garantir a liberdade de recepción directa das emisións de radio e televisión dos países veciños nunha lingua falada de maneira semellante ou idéntica a unha lingua rexional ou minoritaria.

 

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis