Noticias da Mesa

A Mesa séntese “moi contenta e moi satisfeita” por conseguir que “a Xunta non poida facer nin vinculante nin determinante a súa trapalleira enquisa de infantil”, como anunciara Alberto Núñez Feijóo en marzo

Carlos Callón: “Conseguimos o obxectivo que procurabamos cando solicitamos a execución da sentenza: nos últimos meses, o presidente da Xunta tivo que mudar o seu discurso e a Consellaría non puido facer unha consulta nin vinculante nin determinante, como pretendía”

“A presentación das demandas de execución de sentenza por parte da Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG-Ensino e Queremos Galego frustrou as pretensións do PP”

A Mesa coloca agora “dous retos inmediatos”: “analizar a situación do galego na educación infantil, pois a partir deste curso a nosa lingua debe volver a todos os centros” e “reclamar á Xunta que dea os resultados da enquisa deste ano e das consultas dos anteriores”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2013.- Tras recibir o último ditame do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, A Mesa pola Normalización Lingüística anuncia que “non ten previsto recorrer máis neste punto, a pesar de que o Tribunal lle dea opción, pois con este auto conseguimos o que desde un principio pretendiamos ao solicitar a execución da sentenza: evitar que o Goberno fixese enquisas vinculantes ou determinantes para varrer o galego da educación infantil”.

 

A organización que preside Carlos Callón lembra que “nos vimos obrigados a acudir aos tribunais despois de que o propio presidente da Xunta anunciase aos catro ventos a súa pretensión de desobedecer as sentenzas que tombaran o núcleo do decreto”. Así, Alberto Núñez Feijóo indicou o 14 de marzo deste mesmo ano, despois dun Consello de Goberno, que ían continuar a realizar unha consulta e que “os seus resultados serán determinantes para as decisións que se adopten”. Porén, a presentación das demandas de execución de sentenza por parte da Mesa pola Normalización Lingüística, a plataforma Queremos Galego e o sindicato CIG-Ensino “frustrou as pretensións do PP, que tivo que realizar unhas instrucións de última hora, na cal indicou que a enquisa non era vinculante, para así evitar que as autoridades da Consellaría se puideren ver dentro dun proceso penal por desobediencia aos tribunais”.

 

A pesar do “éxito xudicial, que derruba todo sustento xurídico para a exclusión do galego na escola”, Carlos Callón apunta que “os primeiros datos que temos deste curso escolar sinalan que hai moitos centros de educación infantil, sobre todo nas cidades, onde non está a ter presenza a nosa lingua”. Por iso, desde a maior asociación cultural de Galiza pregúntanse “se a Xunta vai cumprir de verdade con todas as sentenzas e ditames do TSXG e, por tanto, vai garantir que haxa unha presenza mínima da nosa lingua en todas as aulas de educación infantil”. “Recordémolo, a conclusión máis relevante das sentenzas e destes ditames é que o galego ten que regresar neste curso escolar a todas as aulas de educación infantil de toda Galiza”, salienta.

 

Ademais, A Mesa reclama que, xa que a Xunta fixo unha “chamada enquisa sociolingüística, aínda que cunha metodoloxía trapalleira nunca vista en ningunha facultade de Socioloxía”, “pois que informen a sociedade dos resultados dese inquérito e tamén das consultas dos anos anteriores, que aínda se encontran na máis absoluta opacidade”. Para Callón, “é xa abondo elocuente que o Goberno galego dixese que facía unha política lingüística segundo os resultados dunha consulta, mais que eses resultados non fosen coñecidos publicamente: nunca, nunca, nunca”.

 

O presidente da Mesa sinala que “é máis que evidente que a nosa asociación non ten nada en contra da realización de enquisas”, aínda que esta entidade “si defende que se fagan con rigor metodolóxico e con transparencia, aspectos ambos que non se dan para nada neste caso”. “Ademais, e isto é puro sentido común, dicir que se fai unha enquisa para que o profesorado saiba en que lingua falan as crianzas é un disparate, pois o contacto dunha mestra ou dun mestre co seu alumnado non debe ser a través de cuestionarios, moito menos en educación infantil”, conclúe.

 

 

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis