A Mesa solicita ao Ministerio de Defensa que respecte a toponimia oficial no Museo Militar da Coruña

A asociación en defensa da lingua dirixiuse ao ministro de defensa e ao director do Museo Militar para lles lembrar máis unha vez que o único topónimo oficial é A Coruña

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2013. – A Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse esta mañá ao Ministerio de Defensa e mais ao Museo Militar da  Coruña para lles lembrar a súa obriga de respectar a toponimia oficial da cidade herculina.

 

A Mesa pola Normalización recibiu queixas a través da Liña do Galego de usuarios do Museo Militar da Coruña que constataron como as entradas que se entregan a todos os visitantes deturpan o topónimo oficial denominándoo “Museo Militar La Coruña”.

 

A asociación en defensa do idioma enviou unha carta tanto ao ministro de Defensa, Pedro Morenés Eulate, como ao director do “Museo Militar Rexional da Coruña”, o coronel Fernando Mariño Acebaldo, para lles trasladar as queixas recibidas pola deturpación do topónimo e lles solicitar que se corrixa de inmediato.

 

Neste sentido a Mesa lembroulles por enésima vez que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística recolle no artigo 10 que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, así como que “estas denominacións son as legais a todos os efectos”; que en coherencia con isto o Goberno español aprobou no ano 1998 a Lei 2/1998, do 3 de marzo, sobre o cambio de denominación das provincias de La Coruña e Orense onde se obriga a empregar as xenuínas e únicas formas oficiais A Coruña e Ourense para as denominar, e que esta lexislación está avalada por diversas sentenzas xudiciais, entre elas a do Tribunal Supremo de 2006 que ratifica máis unha vez A Coruña como única forma ofcial da cidade.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra