Noticias da Mesa

A Mesa solicitará ao PSdG-PSOE a desautorización do seu grupo municipal en Cee contrario á presenza do galego

Os socialistas de Cee negáronse a apoiar o Regulamento para o impulso social da lingua galega de Cee que declaraba oficial o galego no concello baseándose en mentiras cargadas de odio contra a lingua

A Mesa de Cee acudiu ao pleno a protestar por esta actitude “incomprensíbel e vergoñenta” e anuncia unha intensa campaña informativa

Alex López, reponsábel local da Mesa: “Se algo hai que desterrar da Costa da Morte e de Cee non é o galego, é o odio á lingua e a todo canto nos é propio”

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Cee, 6 de novembro de 2015-. A Mesa pola Normalización Lingüística mostrou hoxe o seu rexeitamento á actitude do grupo municipal socialista de Cee que rexeitou a aprobación do regulamento de impulso social ao galego debatido no pleno.

Previamente o presidente da Mesa, Marcos Maceira, remitira un escrito a todos os grupos lembrándolles o acordo de todos os partidos de Galiza na Declaración de Unidade a prol da normalización da lingua galega, instándoos a votar a favor do impulso mínimo á lingua galega que supón este regulamento, e potenciar no concello actitudes favorábeis ao idioma e á súa oficialidade, amparadas por lexislación que aínda está sen cumprir, especialmente a 5/1988 sobre o uso do galego como lingua oficial de Galiza polas administracións locais, e outras disposicións legais tamén citadas como a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea das Linguas, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, ou acordos como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Segundo indicou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “todos os estudos realizados indican a gravidade da situación da lingua galega, tamén no concello de Cee, reflexo dunha realidade na que mesmo a posibilidade de uso e de facer unha vida normal en galego está moi limitada incluíndo a  administración local. Esta é a situación que hai que reverter para que o galego viva”. Para a Mesa, actitudes como a PSOE de Cee só buscan reducir aínda máis a xa escasa presenza do galego, despoxando ás e aos galegofalantes dos seus dereitos como unha vía máis para eliminar a lingua de Galiza.

Neste caso, indicou, “nin sequera se poden acoller ao falso argumento da exclusión do castelán xa que o artigo 1 do regulamento, no seu segundo punto, di: “o galego será lingua oficial no concello de Cee, como tamén o castelán, lingua oficial en todo o Estado”. “Fica claro entón que detrás disto só hai odio á nosa lingua, ao nosa maior creación colectiva como pobo e principal elemento da nosa identidade, e que só se pretende manter a súa exclusión para que utilizalo en todos os aspectos da vida continúe a ser un problema” engadíu Maceira, que ademais mostrou a súa sorpresa por ser o PSdG-PSOE o impulsor do rexeitamento a unha acción mínima favorábel ao galego, cando no mes de xullo non tivo ningún problema para comprometerse na Declaración de Unidade xunto con outros partidos de Galiza.

IMG-20151105-WA0013Por isto a Mesa, que mostrou a súa posición no propio pleno, ao que asistiron varios membros da entidade de Cee e da Costa da Morte, pedirá a desautorización do grupo socialista ceense por parte do seu partido e animou de xeito concreto ao conxunto da militancia socialista, realmente favorábel ao idioma galego, a mostrar tamén o rexeitamento a esa actitude vergoñenta dos seus edís en Cee.

Pola súa parte, o responsábel da Mesa na Costa da Morte, Alex López, preguntouse “a quen pode ofender que o galego teña unha presenza real e efectiva na vida dun concello da Costa Morte?. “O que era un atraso é que en pleno 2015 non existise no concello de Cee unha norma que amparase o dereito das e dos ceenses a utilizaren o galego”, e reclamou “máis pasos para normalizar plenamente o uso do galego en Cee en toda a Costa da Morte, para que falar e vivir en galego en Cee, hoxe, deixe de ser un problema”. “Se algo hai que desterrar da Costa da Morte e de Cee, non é o galego, é o odio a todo canto nos é propio”.

A Mesa pola Normalización na Costa da Morte, a través do seu responsábel Alex López, anunciou que a entidade xa está a traballar no deseño dunha ampla e intensa campaña social en Cee para informar sobre que é o Regulamento de potenciación do uso do galego.

Finalmente o regulamento foi rexeitado polo pleno cos votos de Ciudadanos, PSOE, e PP, tras propor este último agardar un informe xurídico que o avalase, polo que será debatido no próximo pleno. Porén, a única actitude abertamente hostil contra o galego veu do grupo municipal socialista e nomeadamente do concelleiro Modesto Rivas quen ademais non dubidou en utilizar argumentos machistas para cargar contra o idioma e contra a utilización da linguaxe inclusiva contemplada no Regulamento.

 

Activistas da Mesa no pleno de Cee.

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis