Noticias Noticias da Mesa

A Mesa súmase á UNESCO no Día internacional da lingua propia reclamando liberdade para o galego e a fin dos límites ao seu uso

A Mesa pola Normalización Lingüística súmase un ano máis á iniciativa da UNESCO, que mañá venres, día 21 de febreiro, celebra o Día Internacional da lingua materna ou da lingua propia para reclamar garantías para a diversidade lingüística fortalecendo a protección, promoción e preservación de todos os idiomas, nomeadamente aqueles que están ameazados.

Esta data celébrase en Galiza após as contundentes demandas do Consello de Europa, ente elas a derrogación do mal chamado decreto de plurilingüismo e os últimos datos do Instituto Galego de Estatística que indican que ademais do retroceso do uso do galego, temos neste momento o índice máis alto de incapacidade para falalo da historia de Galiza co 24% de rapaces e raparigas menores de 15 anos.

Por este motivo, a Mesa reclama ao Partido Popular que abandone o extremismo contra o galego e ao conxunto de organizacións políticas que impulsen unha nova política favorábel ao galego que garanta o coñecemento da lingua, presenza visíbel e audíbel e total liberdade de uso en todos os ámbitos e garantías de exercicio dos dereitos lingüísticos.

O presidente da entidade pola lingua, Marcos Maceira, insiste en que “queremos os mesmos problemas para usar o galego, para velo, lelo e ouvilo en Galiza que ten calquera persoa co castelán cando pasea por unha rúa de Madrid, cando se dirixe á administración pública ou cando compra en calquera estabelecemento” e que  “a Xunta ten que deixar de ser a principal defensora da inferioridade de condicións para as e os galegofalantes”.

Segundo denunciou Maceira, neste momento a sociedade civil actúa en solitario para promover a lingua de Galiza e combater agravios e discrimacións. Neste sentido, lembrou a recente proposta no Congreso para impulsar que o Estado cumpra coas resolucións do Comité de Ministros do Consello de Europa, a campaña para fomentar o uso do noso idioma entre doentes e persoal sanitario, proxectos como Abertos ao Galego para o uso da lingua no ámbito comercial, ou A Liña do Galego, o único existente en Galiza para reclamar o dereito ao uso do galego. “Tendo a responsabilidade legal e moral de promover e defender a lingua galega”, concluiu, “a Xunta, con Feixoo á cabeza, non só non colabora senón que actúa sistematicamente en contra”.

Con motivo do Día Internacional da lingua propia, a Mesa distribuirá nas redes sociais e entre as ANPAS de Galiza, a partir do día 21 de febreiro, cartaces coa lexenda “Fálalles galego” e indican que malia o esforzo desgaleguizador da Xunta, acelarado na última década con Feixoo á fronte, hai esperanza para o galego porque son moitas as galegas e galegos que con ilusión e vontade manteñen un compromiso no uso e transmiisión do idioma propio de Galiza.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis