A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa valora o nomeamento de Valentín García na Secretaría Xeral de Política Lingüística como “mostra dun continuísmo que non presaxia nada bo”

A entidade advirte dos “difíciles retos” aos que se terá que enfrentar o novo titular da política lingüística da Xunta

A asociación en defensa do galego agarda do novo responsábel “a corrección institucional e a capacidade do diálogo de que careceu o seu antecesor”

A Mesa pola Normalización Lingüística valora o nomeamento de Valentín García Gómez como novo Secretario Xeral de Política Lingüística de “continuísmo que non fai presaxiar nada bo”.

A asociación recorda que o recén nomeado xa viña colaborando coa Secretaría Xeral como coordinador dunha suposta Rede de Dinamización da Lingua Galega que mellor habería que denominar “Rede de Dinamitación da Lingua Galega”, pois o seu único resultado concreto foi polo de agora o feche de 16 servizos de normalización lingüística noutros tantos concellos.

A Mesa considera que o novo Secretario Xeral de Política Lingüística ten perante si importantísimos retos aos que debe dar resposta:

–          Garantir que a Xunta de Galiza cumpra a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que foron froito no seu día da unanimidade parlamentaria e do consenso político e social.

–          Refacer todo o desfeito desde que goberna Alberto Núñez Feijóo.

–          Comportarse coa corrección institucional da que sempre careceu o seu antecesor, Anxo Lorenzo, e ter unha capacidade para escoitar e dialogar que, directamente, nunca existiu na última etapa da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A entidade que preside Carlos Callón precisa, porén, que vai facer falta “máis que a simple vontade persoal” de Valentín García para atender e dar cumprida resposta aos anteditos retos, toda vez que a Secretaría Xeral que vai dirixir non pasa de ser, no actual contexto, un simple “adorno institucional” sen case capacidade de incidencia económica nin política.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra