A Mesa pola Normalización Lingüística

A presión cidadá consegue que o programa das Festas de María Pita da Coruña xa estea dispoñíbel en galego

A Mesa parabenízase “polo logro colectivo” e agradece o apoio de todas as persoas que se dirixiron ao Concello reclamando que a programación festiva non excluíse a lingua propia.

O colectivo cidadán en defensa do idioma agarda agora que o goberno local se comprometa na difusión dos programas en galego e anima a solicitalos nos puntos informativos de turismo.

A Coruña, 7 de agosto de 2012.- Aínda que con seis días de retraso a respecto do inicio formal das Festas de María Pita, o goberno municipal vén de pór ao dispor da veciñanza e das persoas que visitan a cidade a programación festiva completa en galego, tal e como lle demandaron nas últimas semanas o grupo local da Mesa pola Normalización Lingüística e numerosas persoas, veciñas e visitantes, a título individual.

 

Así, onte á tarde a conta de twitter de Turismo da Coruña (@CorunaTurismo) informaba a un usuario da rede que o programa completo das festas en galego estaba dispoñíbel na súa páxina web. Nas últimas horas, tamén foi dispoñibilizado na propia páxina web municipal www.coruna.es e na da Concellaría de Cultura, se ben A Mesa da Coruña lamenta que o texto siga a presentar algunhas incorreccións e partes non traducidas, como acontece por exemplo con algúns dos lemas empregados para animar a participar dos festexos.

 

O grupo local da Mesa da Coruña transmite o seu agradecemento a todas as persoas, veciñas e visitantes da cidade, que nos últimos días dirixiron queixas ao goberno local a través de diferentes canles reclamando que se deixase de excluír o galego da programación festiva e que a nosa lingua propia, a que segundo a lexislación vixente é tamén lingua propia e plenamente oficial do Concello da Coruña, ocupe espazo e visibilidade en igualdade de condicións nas nosas festas. “Sen reclamacións, non hai conquistas”, sostén a entidade cidadá, que considera “fulcral” a existencia dunha “presión cívica e democrática” para que se produzan adiantos para o galego, “especialmente cando determinadas institucións teñen certa tendencia ao retroceso”.

 

O grupo coruñés da Mesa considera positivo que atrás queden valoracións “desafortunadas e innecesarias” sobre a importancia da oficialidade do galego ou xustificacións para non dispor de programas das festas na nosa lingua tales como que “abonda con telos en castelán e inglés, que son os que solicita a xente” .

 

A Mesa da Coruña agarda agora que a Concellaría de Cultura difunda os programas en galego “en pé de igualdade” cos que xa distribúe noutras linguas e anima a cidadanía a solicitalos en todos os puntos de distribución e información turística da cidade.

 

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra